Skip to main content

O audiovisual galego estrea novas imaxes de marca para a súa promoción en oito feiras

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou o programa de proxección exterior do audiovisual galego para 2017 que, baixo a organización da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), se desenvolverá en oito dos principais mercados sectoriais a nivel internacional. Seguindo diferentes fórmulas de participación, a presenza galega nestas citas visibilizarase a través das marcas 'Films from Galicia' e 'Shorts from Galicia', que estrean imaxe, así como catálogos e vídeos promocionais.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da Agadic; Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Axencia, e o crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández interviñeron na presentación deste plan aos medios e ao sector. Como explicou Anxo Lorenzo, para a composición e coordinación das delegacións empresariais que acoden a estas feiras na procura de novas vías de circulación exterior dos seus produtos cóntase, así mesmo, co apoio económico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e coa colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag) e da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Calendario de eventos

Pola súa banda, Jacobo Sutil anunciou que a actividade promocional arrancará o vindeiro luns 6 de febreiro coa presenza galega no mercado do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia), para continuar do 9 ao 17 de febreiro no European Film Market de Berlín (Alemaña), que se desenvolve en paralelo á Berlinale. As seguintes citas serán tres importantes convocatorias en Cannes (Francia): o MIPTV (do 3 ao 6 de abril), o Marché du Film do emblemático festival desta cidade francesa (do 11 a ao 20 de maio) e o MIPCOM (do 16 ao 19 de outubro). Tamén en Francia, Films from Galicia regresará ao Sunny Side of the Doc tras a boa experiencia rexistrada o ano pasado pola primeira delegación galega que acudiu a este mercado especializado en documentais. Esta cita terá lugar do 18 ao 22 de xuño en La Rochelle, mentres que Bos Aires será outro dos destinos durante a celebración do Ventana Sur do 3 ao 6 de decembro.

Como novidade, en 2017 incorpórase a esta relación o encontro internacional Conecta Fiction, que terá lugar en Santiago de Compostela do 20 ao 23 de xuño como primeiro evento dedicado á ficción televisiva que conectará Europa con América Latina e Estados Unidos. Neste caso, a Agadic é tamén unha das entidades promotoras da cita xunto con ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE.

Coas misións comerciais programadas para 2017 e a través das que a Xunta sufragará parte dos gastos que lles supón ás compañías a participación nestes mercados, dáse continuidade ao programa de internacionalización do noso audiovisual, que o ano pasado contou coa implicación dunha trintena de produtoras.

Coproducións internacionais

Durante estes eventos logrouse, así mesmo, estreitar vínculos de coprodución e de distribución para os proxectos audiovisuais galegos. De feito, como detallou o secretario xeral de Cultura, moitos títulos con participación galega orixináronse ou conseguiron novas vías de circulación exterior tras o seu paso por algún destes mercados. É o caso dos filmes ‘Mimosas’, coprodución con Marrocos, Francia e Qatar; ‘Feedback’, con Estados Unidos; ‘A visitante’, con Bélxica; ‘As troitas cantan ao mencer’, con Portugal; ‘Buena Vista Australia’, con Australia e Alemaña; e ‘Día de Mortos’, con México e Portugal; así como da serie galego-portuguesa ‘Vidago Palace’.

A da organización das delegacións institucionais e empresariais correspondentes, a Agadic distribuirá nestas feiras os novos catálogos e vídeos de Films e Shorts from Galicia, editados en inglés, co obxectivo de dar conta da calidade artística e técnica do noso audiovisual. No caso de ‘Films from Galicia’, a edición de 2017 ofrece información sobre 70 títulos de cinema e de televisión –12 máis que o ano pasado– en fase de distribución, produción ou preprodución, ademais de promover Galicia como escenario de rodaxe cun gran potencial natural e patrimonial. Tal e como se recolle no catálogo, 37 destes traballos contaron co apoio económico de Cultura e educación, mediante o programa de subvencións da Agadic ao audiovisual galego. Destaca, ademais, a incorporación de novos proxectos en fase de preprodución, así como unha maior presenza de traballos dirixidos por mulleres.

Novos directores

Como en anos anteriores, ‘Films from Galicia’ estrutúrase en catro grandes bloques. No caso de ‘Pics’, que recompila 23 longas de ficción, sobresae a elevada porcentaxe de proxectos nunha avanzada fase de desenvolvemento (10 títulos), así como de directores noveis en longametraxe, como Andrés Goteira, Álvaro Fernández-Pulpeiro, Jaione Camborda, Anxos Fazáns ou Xacio Baño. Pola súa banda, ‘Docs’ reúne 18 longas documentais xa rematadas e tres en proxecto. Cómpre salientar aquí a variedade de temáticas e facturas ou a importante relación de propostas que iniciaron o seu camiño tras recibir axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais na convocatoria para a promoción do talento audiovisual galego.

Pola súa banda, a sección ‘Toons’ está integrada por seis creacións de animación, entre as que se atopan a laureada ‘Psiconautas, os nenos olvidados’ ou a serie infantil de televisión ‘Tutu’. Por último, o apartado ‘TV’ dedícase a 13 obras de ficción televisiva, entre as que hai un gran volume de novos títulos, e a sete formatos de programas de entretemento.

Curtametraxes

Esta visión conxunta do sector audiovisual galego complétase co catálogo 'Shorts from Galicia', dedicado especificamente a promover as curtametraxes e cuxa nova entrega comezará a distribuírse a semana que vén no Festival de Clermont-Ferrand. A publicación, dirixida prioritariamente aos programadores dos festivais especializados en curtametraxes, inclúe información e o acceso profesional á visualización dos seis traballos seleccionados en 2017: ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; ‘Decorado’, de Alberto Vázquez; ‘Einstein-Rosen’, de Olga Ososrio; ‘Fajr’, de Lois Patiño; ‘Homes’, de Diana Toucedo; e ‘Volver allí’, de Lucía Estévez.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia