Skip to main content

Mar promociona na feira Seafood de Boston os produtos do mar de Galicia xunto con 12 empresas coexpositoras

A Consellería do Mar, participa na feira Seafood Boston 2017, que se celebra nos Estados Unidos de América desde o 19 de marzo. A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda, visitou as 12 empresas galegas que se albergan no posto da Xunta de Galicia e realizou un percorrido polas instalacións da feira, co obxectivo de difundir os produtos pesqueiros galegos e chegar a novos mercados.

A directora xeral aproveitou a visita á feira para manter unha xuntanza de traballo cos organizadores da Seafood de Bruxelas, Hong Kong e Boston, coa finalidade de negociar o espazo dos postos da Consellería nestas feiras o vindeiro ano. Ademais, a directora xeral visitou os postos de México e Perú, dous países nos que Galicia ten interese en materia de pesca e comercialización de produtos do mar.

Tamén visitou outras empresas de orixe galega presentes neste certame, como Pescanova, onde mantivo un encontro co conselleiro delegado do Grupo Nueva Pescanova, Ignacio González. Ademais estivo nos postos de Iberconsa e Rotogal.

Galicia participa neste evento cun posto institucional de máis de 167m², o único de España presente neste certame, que dá cabida ás empresas galegas coexpositoras do sector, pertencentes a maioría ao sector do conxelado. Tamén hai empresas do ámbito da conserva e da acuicultura. Ademais, o posto da Xunta tamén conta cunha área destinada a centro de negocios, na que as empresas poden manter encontros para ampliar o seu mercado.
Seafood de Boston

A Seafood de Boston é o evento comercial de produtos marítimo-pesqueiros máis grande de América do Norte e este ano celebra a edición número 37. Nesta feira danse cita 21.000 visitantes profesionais de máis de 90 países. Conta cun espazo de 60.000m² en total, no que se promocionan 1.200 empresas expositoras de 40 países distintos vinculadas aos produtos do mar frescos, conxelados, da acuicultura e envasados e tamén profesionais que se dedican á provisión de equipamentos e transporte, loxística e maquinaria.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia