Skip to main content

Miss Caffeína, Shinova, Luís Brea y El Miedo e Druso abren as festas da Ascensión 2017

O concerto de Los40 reunirá no escenario da praza da Quintana, con entrada libre, a Miss Caffeina, Shinova, Luis Brea y El Miedo e Druso. Noa Morales explicou que o cartel "está especialmente pensado para a mocidade", e invitou aos rapaces e rapazas a asistiren a un concerto "cheo de grupos que van dar moito que falar nos próximos tempos". A edil lamentou que a Ascensión coincida este ano en temporada de exames para os universitarios, pero invitounos "a facer un alto nos seus labores de estudo para non perder esta cita musical de primeira".

26 anos de concerto de Los40

O director rexional da Cadena SER en Galicia lembrou que o concerto de Los40 "lévase celebrando 26 anos na Ascensión, o que demostra o compromiso da emisora coas festas compostelás". Jordi Jordá tamén reivindicou o papel desta cita musical "na posta en valor de grupos novos, tamén galegos".

Nesa liña afondou Gabi Davila, que lembrou que o primeiro concerto de Los40 na Ascensión "foi na praza Roxa, con Celtas Cortos, e a partir de aí esta cita non deixou de medrar e tivo que ser trasladada primeiro ao Multiusos de Sar e despois á Quintana". O coordinador rexional da Cadena SER explicou que nesta edición "déuselle unha volta ao estilo habitual neste concerto, vinculándoo á estrea de Trending on Stage, a nova aposta de Los40".

Artistas virais na rede

Gabi Davila salientou que os artistas que participarán nesta cita da Ascensión "son novos valores que están impulsando a súa carreira a través de Internet, e que se converteron xa en virais na rede". O concerto abrirase ás 21:00 horas con Druso, "un cantante, compositor e multiinstrumentista galego, que é a nova aposta de Subterfuge Records, responsable por exemplo do éxito de Dover".

A continuación tocarán Luis Brea y El Miedo, que segundo explicou Davila, "foron unha das sorpresas do indie estatal, e veñen de namorar cun novo traballo cheo de temas da maior calidade". En canto a Shinova, o coordinador rexional da SER apuntou que, "con tres discos publicados, xa son toda unha referencia no panorama musical", e animou a "descubrir a vinculación desta banda con Galicia, que se pode ver a través dos temas do seu último traballo".

Por último, Gabi Davila lembrou a traxectoria ascendente de Miss Caffeina, o grupo que pechará o concerto de Los40. Segundo apuntou, "foron escollidos como unha das bandas preferidas polos asistentes a festivais de España do pasado 2016". Están presentando o seu novo disco, Detroit, publicado en febreiro.

O concerto de Los40 é con entrada libre ata completar aforo, e estará conducido polo xornalista musical Arturo Paniagua.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela