Skip to main content

Turismo de Galicia organiza o II Foro Gastronómico os días 22 e 23 de maio

Turismo de Galicia organiza por segundo ano consecutivo o Foro Gastronómico Turismo de Galicia, #GastroForum, que nesta edición se celebrará os 22 e 23 de maio no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG).

O encontro acollerá obradoiros de cociña e debates sobre gastronomía vista desde a perspectiva da sustentabilidade, da solidariedade e da saúde. Nel afondarase en iniciativas de sustentabilidade en restauración incluíndo obradoiros prácticos nos que se reivindicarán as especies pouco coñecidas en gastronomía.

O Foro Gastronómico de Turismo de Galicia tamén incidirá na gastronomía integradora, con relatorios centrados na atención a persoas con discapacidade e un obradoiro sobre texturización en centros residenciais. Ademais, daranse as claves para aprender a reducir os desperdicios en cociña ou os diferentes procedementos para a elaboración de menús en base ás recomendacións da dieta atlántica, entre outros temas.

Cociñeiros galegos

O foro reunirá aos cociñeiros Roberto Filgueira (O Balado), Iván Domínguez (Alborada), Rafael Centeno (Maruja Limón), Alberto González (Silabario), Quique Piñeiro (A Horta do Obradoiro) e Luis Veira (Árbore da Veira), que impartirán obradoiros e participarán nalgúns dos debates.

Tamén participarán expertos en sustentabilidade e nutrición, así como representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Cruz Vermella ou Lonxanet. O prazo de inscrición para participar neste II Foro Gastronómico de Turismo de Galicia está aberto na páxina web do CSHG.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia