Skip to main content

Preséntase o selo 100% autóctona que ampara as producións de porco celta

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, asistiu en Silleda á presentación do novo selo “100% Raza autóctona celta” de porcino. Neste acto, que tivo lugar no marco da Feira Internacional de Galicia Abanca, degustáronse produtos da raza autóctona galega porco celta, acompañados de viños galegos. A directora xeral destacou o pulo e prestixio acadados por estas producións na nosa comunidade e reafirmou o apoio da Xunta a esta iniciativa e, en xeral, ao traballo que desenvolven os criadores agrupados na asociación Asoporcel, cos que a Consellería do Medio Rural mantén unha colaboración constante para a recuperación, conservación e fomento da raza porcina celta.

Co selo presentado hoxe búscase protexer as razas autóctonas, neste caso do porco celta, preservando o patrimonio xenético animal e o mantemento dos sistemas de cría extensivos, que maioritariamente se empregan para a súa explotación. Isto supón un beneficio para a sustentabilidade do medio rural e do medio ambiente e permite realzar e potenciar a calidade destas razas. Ademais, con este logotipo facilítaselle ao consumidor máis información sobre o produto, á vez que para os produtores destas razas supón unha vantaxe comercial ao estaren todas elas catalogadas como razas en perigo de extinción.

Asoporcel agrupa actualmente un total de 120 gandarías, das que 11 incorporáronse neste mesmo ano, e hai máis en tramitación. Este feito –salientou a directora xeral– demostra a boa marcha da raza autóctona, que vai na liña do resto do sector porcino na nosa comunidade, especialmente en canto aos volumes de produción e os prezos.

O porco celta é unha das razas autóctonas gandeiras de Galicia. No seu fomento desempeña un papel fundamental Asoporcel, asociación creada no ano 1999 para dar cabida aos criadores de porco celta. Nese ano outorgóuselle por parte da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria o recoñecemento oficial como entidade colaboradora na recuperación e fomento da citada raza. Hoxe en día é a entidade oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do libro xenealóxico da raza porco celta, de acordo co Decreto polo que se establece o Catálogo oficial de razas gandeiras autóctonas de Galicia, se regula o recoñecemento oficial das asociacións de criadores que creen ou xestionen libros xenealóxicos e se aproban os programas para a súa conservación, mellora e fomento.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia