Galicia difunde a súa produción editorial na Feira do Libro de Frankfurt

Ademais de divulgar os seus traballos a través do stand de Galicia, as editoriais Kalandraka e Nova Galicia participan cun stand propio na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, e representantes de Hércules de Ediciones, Edicións Laiovento, Edicións do Cumio e a Editorial Galaxia desprazaranse á cidade alemá para participar nesta cita editorial que se desenvolve do 11 ao 15 de outubro.
Este encontro é cita obrigada para o sector editorial non só europeo, senón de todo o mundo, xa que nel teñen lugar as negociacións sobre os dereitos de venda entre libreiros e editoriais, así como as dos dereitos publicitarios dos libros. O certame é profesional, pero ábrese ao público durante a fin de semana. Conta con 7.000 expositores e preto de 300.000 visitantes.
Promoción do sector nos mercados exteriores
Unha das principais liñas de promoción de obras galegas nos mercados exteriores é a asistencia ás feiras internacionais do libro, un programa promovido pola Consellería de Cultura e Educación en acordo coa Asociación Galega de Editores (AGE), que en 2017 abrangue a presenza de Galicia cun stand propio nas xa realizadas feiras de Boloña, de Buenos Aires e LIBER, en Madrid, xunto coa de Frankfurt e a de Guadalaxara (México, do 25 de novembro ao 3 de decembro).
Nestes encontros internacionais, a Xunta de Galicia asume a organización, xestión e control das actividades relativas ao posto promocional, persoal de atención aos visitantes, envío de material, preparación de eventos culturais, así como a edición de materiais promocionais, como o Catálogo de libros infantís e xuvenís de Galicia, en edición trilingüe (galego, castelán e inglés), coa colaboración de Gálix.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia