Skip to main content

A Coruña celebra entre o 5 e 18 de febreiro as III Xornadas Lacónicas, do lacón con grelos

As xornadas gastronómicas do lacón con grelos que impulsa a área de Turismo, que dirixe o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, no 2018 celebraranse entre os días 5 e 18 de febreiro. O seu obxectivo, segundo indica o edil, é potenciar a cidade como destino gastronómico durante o Entroido coruñés a través do menú característico e popular da época, a laconada, dentro da aposta pola gastronomía como unha das liñas estratéxicas en materia turística.

Tal e como se recolle nas bases, poderán participar nestas xornadas "establecementos de hostalería da cidade que, pola súa traxectoria profesional e proposta gastronómica, encaixen na temática das xornadas". Cada un dos locais participará cun único menú,que deberá ser elaborado, principalmente, con produtos galegos, e composto dun primeiro prato tradicional, que será sopa ou similar, un prato principal, composto por unha laconada, e sobremesa, que incluirá filloas e/ ou orellas, ademais de bebida (auga, refrescos ou adega de denominación galega) e café. O prezo dos menús debe oscilar entre os 15 e os 30 euros (IVE incluído).

Poderán participar nas Lacónicas un máximo de 30 establecementos. As bases de participación, que é gratuíta, poden consultarse na páxina web www.turismocoruna.com, onde tamén está dispoñible o formulario de inscrición. Esta deberá enviarse á dirección xornadaslaconicas@gmail.com antes das 14.00 horas do día 21 deste mes. Aqueles establecementos interesados poden dirixirse tamén aos teléfonos 639 155 247 ou no 636 447 574 para recibir máis información.
Gabinete de Comunicación do Concello de A Coruña