Skip to main content

Arranca Ourense ICC Week 2018, con Javier Mariscal, Ouka Leele e Paco Clavel

A xornada inaugural, celebrada esta tarde no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", tivo como protagonistas á fotógrafa e deseñadora, Ouka Leele; o artista e axitador cultura, Paco Clavel; o documentalista e comisario cultural, Juan Sánchez; a deseñadora gráfica e motion grapher ourensá, María Grande, e o deseñador gráfico, Javier Mariscal, un acto que estivo presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen afirmou: "Ourense, como sinónimo de creatividade e innovación demostrados ao longo da súa historia, quere contar sempre cos máximos ex poñentes no ámbito creativo, pois compartindo ideas de vangarda é como se fai camiño de progreso".

O "Marco das Industrias Culturais e Creativas" reúne a expertos e entusiastas da innovación en lugares emblemáticos da xeografía ourensá, con música, humor, videoxogos, innovación tecnolóxica e historia, "que achegan a Ourense as últimas tendencias e aos protagonistas da creatividade do último medio século", dixo Manuel Baltar, subliñando que "Ourense ICC Week" "é tamén unha homenaxe ás persoas que desde Ourense fixeron e fan da nosa provincia un referente en proxectos innovadores de éxito en ámbitos como a industria, a cultura, a historia, o deporte ou as ciencias, sempre coa pegada da nosa terra como selo de identidade e ourensanía".

Entre o 2 e o 5 de maio a Deputación de Ourense desenvolverá un programa de actividades que une modernidade e vangarda coa historia e a tradición de lugares emblemáticos da nosa provincia como son os mosteiros de Rocas e San Clodio, a casa museo "Otero Pedrayo" e tamén o Campus de Ourense, onde se desenvolverán conferencias, seminarios e actividades culturais e tecnolóxicas.

Manuel Baltar remarcou que a provincia de Ourense, "que ten sido premiada pola súa aposta en innovación aplicada á mellora de servizos á cidadanía e aos municipios, volve ser un ano máis altofalante e escenario das tendencias culturais, marcando na axenda da creatividade unha data: a da "Ourense ICC Week", convertida no berce do debate sobre innovación, como o que hoxe protagonizan Ouka Leele, Paco Clavel, Javier Mariscal Juan Sánchez e María Grande, a quen agradezo a súa participación, aos que se unen estes días nomes como Mikel Erentxun, Nacho García Vega, Rober Bodegas, Gracia Querejeta ou o noso querido Yosi, líder e alma poética de Los Suaves, quen mañá recibirá unha sentida e merecida homenaxe".

Arte nas portadas dos discos

Na xornada inaugural de hoxe analizouse a temática da "Arte nas portadas", temática sobre a cal o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolle unha mostra na que se recollen preto de 2.000 portadas de vinilos realizadas por grandes artistas, e na que retrata a importancia das artes visuais na industria musical española a través das portadas de discos. A mostra, comisariada por Paco Clavel e Juan Sánchez, reúne unha ampla representación de artistas plásticos que participaron no deseño de vinilos de bandas e intérpretes musicais españois: Picasso, Miró, Dalí, Antoni Tàpies, Barceló, Mariscal, Pérez-Villalta, Juan Gatti, Ouka Leele, Ceesepe, García- Alix ou Ruben Imichi, son algúns dos nomes que asinaron portadas emblemáticas da nosa cultura musical, reunidas nesta exposición. De seguido, foi a quenda para a ilustradora, deseñadora gráfica e motion grapher, María Grande e o deseñador gráfico, Javier Mariscal, quen falaron sobre "A c ultura do deseño", e o peche desta primeira xornada da "Ourense ICC Week" tivo lugar no Teatro Principal, co concerto que ofreceu o grupo "Morgan".

Programación para o xoves

Mañá xoves, 3 de maio, ás 9.30 horas, a programación da "Ourense ICC Week" continúa no mosteiro de san Pedro de Rocas (Esgos) coa xornada sobre "Patrimonio rupestre europeo. Investigación, xestión e difusión", presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e coordinada polo profesor de arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, e pola profesora da Universidade de Florencia, Carmela Crescenzi, quen falará, ás 10.00 horas, do patrimonio rupestre mediterráneo; ás 10.30 horas, o director do Museo de Palagianello (Italia), Domenico Caragnano, ofrecerá un relatorio sobre a pintura nas igrexas rupestres de Puglia e Basilicata; ás 11.30 horas o profesor de Historia do Dereito da Universidade de Bari, Antonio G. Mastrangelo, abordará o tema "Propiedade na área rupestre de Gravine (Taranto)"; e ás 12.00 horas, o profesor de Arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid Jorge López Quiroga ex porá o tema da aplicación das novas tecnoloxías en san Pedro de Rocas. Pola súa parte, o profesor da Universidade do Pireo (Grecia) Theodoros Ganetsos tratará, ás 12.30 horas, o tema das análises físico-químicos non destrutivos nas pinturas e frescos, e de seguido, o espeleólogo, escritor e profesor, Alexey Zhalov, falará das vivendas medievais escavadas na rocha en Bulgaria.

Pola tarde, ás 17.00 horas, a programación trasladarase ata o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" para debater sobre o tema "Supervivencia na xungla dixital", acto no que participarán os músicos e compositores, Nacho García Vega e Luis Mendo. Ás 18.00 horas arrancará no Campus de Ourense a "ICC Gamers", e ás 19.00 horas no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" os humoristas Rober Bodegas e Alberto Casado; a blogueira e ilustradora, Raquel Córcoles; e o xornalista, Juan Ramón Bonet, falarán de humor e creatividade, mesa que será moderada polo xornalista Manuel de Lorenzo.
Ourense ICC Week