Skip to main content

A XXIV Mostra de Alfaroleiros pon en valor o oficio tradicional da olería

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participou hoxe en Oleiros na inauguración da XXIV Mostra de Alfaroleiros que se celebra ata o 5 de agosto na vila de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña). Este encontro destaca pola súa relevancia como punto de encontro para os profesionais do oficio da olería de Galicia, do resto do Estado e de Portugal.

A feira, que chega este ano á súa vixésimo cuarta edición, conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través das axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesanal.

A colaboración coa organización destas actividades de impulso á conservación dos oficios artesanais tradicionais forma parte, segundo explicou a directora xeral, da estratexia da Xunta neste ámbito, xa que a recuperación, o mantemento e a divulgación dos oficios artesanais tradicionais constitúe unha ferramenta de dinamización social e de divulgación da cultura galega, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan ao sector artesanal galego.
Fundación Artesanía de Galicia