Skip to main content

Aberto o prazo para participar no Certame de Artes Plásticas de Pintura e Fotografía para Maiores

Fotografía e pintura son as modalidades nas que os maiores galegos poden participar na convocatoria 2005 do Certame de Artes Plásticas de Pintura e Fotografía. Este concurso está organizado pola Dirección Xeral do Maior en colaboración coa Obra Social de Caixa Galicia e a Escola-Taller Togariños. A inscripción está aberta a todas aquelas persoas maiores de 65 anos ou pensionistas maiores de 55 que residan en Galicia.

Os interesados deberán presentar os seus traballos antes do 15 de setembro deste ano nos fogares da terceira idade, presentes nas sete cidades de A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Xunto coa obra achegarase un sobre pechado no que se indicarán o título, nome e apelidos, enderezo, teléfono e localidade. É importante que os interesados teñan en conta que os centros pechan no mes de agosto, polo que se recomenda inscribirse antes desta data.

Cada autor presentará ata un máximo de tres obras por cada modalidade. Todas deberán ser orixinais e non poderán ter participado anteriormente nun concurso. No caso de pintura o tema será libre e as técnicas elexiranse entre acrílica, óleo ou mixta sobre lenzo ou táblex. As dimensións limitaranse aos formatos 30F (92x73 centímetros) ou 100F (162x130).

Na modalidade de fotografía o tema versará sobre a realidade das persoas maiores na actualidade. Os traballos poderán ser en branco e negro ou color. O tamaño mínimo vai de 18 a 24 centímetros e o máximo de, 30 a 40.

Entre todas as obras presentadas, levarase a cabo unha preselección, a nivel provincial, das 50 pictóricas e das 50 fotografías de maior calidade técnica e orixinalidade, que pasarán á fase final do concurso. Unha vez resolto, realizarase unha pequena esxposición cos gañadores.

Distínguense varios premios para cada unha das alternativas de participación. Na modalide de pintura establécense tres premios honoríficos. O 1º, 2º e 3º recibirán un maletín con material de pintura, valorados en 3.000, 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.

En fotografía establécense tres distincións honoríficas, cunha placa conmemorativa do certame e unha vídeo-cámara dixital valoradas en 1.800, 1.200 e 800 euros, respectivamente, para os tres primeiros galardoados. Asemade, todos os finalistas levaran un certificado acreditativo da participación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia