Skip to main content

Patti Smith and Band encabeza a primeira noite de concertos na praia de Riazor do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia

Así, o público poderá gozar con éxitos que naceron desde a publicación do seu traballo Horses (1975) até o seu álbum máis recente, Banga (2012).

A polifacética artista, principal cabeza de cartel do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia, será a estrela dunha noite na que comezará coa actuación de dous dos grupos gañadores do Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM. Así, a banda local Portland abrirá a sesión ás 20.00 horas para presentar o seu primeiro traballo, Place We Know. De seguido, ás 21.00 horas, o dúo LORA, levará o rap á primeira liña do festival.

Unha vez que remate o concerto de Patti Smith and Band, outra das cabezas do cartel chegará a Riazor. Nathy Peluso daralle a réplica á madriña do punk a partir das 00.30 horas, nunha cita na que a arxentina encherá o areal de R&B, hip hop e ritmos caribeños. A cantante presentará o seu último álbum, La sandunguera, un traballo que pon en valor o extraordinario talento vocal de Peluso.

Ademais da programación do areal de Riazor, desde as 13.15 horas celebrarase unha nova xornada de sesións matinais nas prazas José Sellier Loup, Bulevar do Papagaio e na rúa Capitán Troncoso, nas que participarán bandas como as galegas Dois, Blanco Palamera e a coruñesa Crimson and Clover, ademais da asturiana Chiquita y Chatarra ou a inglesa The Wellgreen. Será, de novo, unha sesión aberta a todos os públicos no horario do aperitivo, e que encherá as rúas do centro urbano da cidade con son das propostas máis singulares da escena independente.

AXENDA DO VENRES 9 DE AGOSTO
13.15 horas - Dois Praza José Sellier Loup
13.30 horas - Blanco Palamera Bulevar do Papagaio
14.15 horas - Chiquita y Chatarra Rúa Capitán Troncoso
14.30 horas - Crimson and Clover Praza José Sellier Loup
14.45 horas - The Wellgreen Bulevar do Papagaio
20.00 horas - Portland Praia de Riazor
21.00 horas - LORA Praia de Riazor
22.45 horas - Patti Smith and Band Praia de Riazor
00.30 horas - Nathy Peluso Praia de Riazor

13.15 horas - Dois. Praza José Sellier Loup. A banda viguesa Dois está formada por Óscar Raña (guitarra e voz), Guillermo Portas (baixo) e José Fran Novoa (batería). Coa publicación da súa primeira demo Dois EP (2014) chaman a atención de público e crítica pola orixinalidade do seu son. Os vigueses combinan pop lo-fi e toques de psicodelia con surrealismo e imaxinario persoal. Coa súa carta de presentación xiran por toda España con directos que lles axudan a pulir o seu son. Publican Está bien (2017) onde afianzan a súa personalidade como banda con cancións de pop surreal e lo-fi, ambientes oníricos e puzles sonoros. Fenómeno (2019) é o seu último traballo.

13.30 horas - Blanco Palamera. Bulevar do Papagaio. Manuel Blanco (guitarra e voz) e Xoán Domínguez (batería e coros) son as dúas metades de Blanco Palamera, un grupo de Santiago de Compostela residente en Madrid. Estes mozos de 21 anos debutan na música no 2019 con Promesas, un disco con dez temas que se moven entre o pop, a bossa nova e o funk ao tempo que se presta para imaxinar xéneros para unha nova xeración como o jazz-pop, o chill pop ou indieelectrónica millenial. O dúo aborda a súa proposta con delicadeza e, tralas texturas sintéticas, atopamos cancións cálidas e ben estruturadas que nos mergullan nun acolledor universo de pop lo-fi.

14.15 horas - Chiquita y Chatarra. Rúa Capitán Troncoso. As asturianas Patricia Álvarez e Amelia Díaz forman Chiquita y Chatarra en 2006, despois de coincidir noutra formación. Tras o seu traballo de debut homónimo, Chiquita y chatarra (2008), chega Animal de amor (2011), onde consolidaron o seu son e combinaron a voz máis desgarradora de Amelia con outras liñas máis melódicas. Despois de Niagara fallers (2013), en 2018 regresaron con Ojos de Miranda, segundo elas, o seu mellor traballo. O dúo conseguiu forxar un son propio dentro do rock sucio, o punk e o garaxe.

14.30 horas - Crimson and Clover. Praza José Sellier Loup. Crimson and Clover é unha banda nova de hard rock que atopa as súas influencias na década dos 70. Bebe de grupos como Led Zepellin, Fleetwood Mac ou The Beatles, ademais da vertente máis española do xénero daquela época, como Triana. O seu gran propósito, a partir de composicións propias en castelán e inglés, é achegar ás novas xeracións a cultura olvidada do rock no seu estado máis puro. Este ano Crimson and Clover converteuse na banda gañadora do concurso organizado polo Festival Solidario Coruña En Directo.

14.45 horas - The Wellgreen. Bulevar do Papagaio. The Wellgreen é unha perfecta combinación de composicións dos 60, psicodelia e powerpop, á que se suma o uso de técnicas de gravación de estilo vintage, que fan que os seus discos soen clásicos e atemporais. A súa presenza enérxica e harmónica sobre o escenario fíxolles gañar unha lexión de seguidores non só en Reino Unido, senón en toda Europa e máis aló, con comparacións que lles equiparan con bandas míticas como CSN & Y, The Beach Boys, Wings ou Creedence Clearwater Revival, entre moitas outras.

20.00 horas - Portland. Praia de Riazor. Portland é unha banda formada en 2014 na Coruña, integrada por Adriana, Borja, Breogán, Matías e Víctor, todos artistas forxados previamente en diferentes proxectos. Con referencias variadas que van desde o indie rock ao soul ou o motown, Portland busca o seu estilo propio. A Place We Know é o título do seu primeiro álbum, resultado de dous anos de duro traballo. Velaquí un grupo sen etiquetas no que cada compoñente aporta a súa visión e as súas influencias personais. E todo suma.

21.00 horas - LORA. Praia de Riazor. Alejandro Gesto e Carlos Eirís son LORA, un grupo de rap con toques pop moi marcados, procedente de Carral. O grupo fórmase a principios de 2018 e comeza a publicar os singles do seu primeiro álbum en abril dese mesmo ano. Autoproduce todos os seus temas, desde a composición da música e as letras, ata a gravación e a mestura dos sons. Nas súas cancións, ademais dos clásicos sintetizadores e os samples, incorporan tamén instrumentos acústicos para crear bases instrumentais cun son moito máis orgánico, que levan tamén aos directos onde lles acompañan un DJ e un guitarrista para facer as súas actuacións máis enérxicas e entretidas. LORA é unha das gañadoras do XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM.

22.45 horas - Patti Smith and Band. Praia de Riazor. Nada en Chicago en 1946, Patti Smith mudouse a Nova York en 1967, cidade na que coñeceu a Robert Mapplethorpe, fotógrafo responsable da portada do seu primeiro e icónico traballo Horses. Editado en 1975, Horses está considerado como un maiores e máis influentes álbums da historia do movimento punk-rock americano. A obra, que tamén marcou a transición do clásico rock ao punk, é igualmente citada como unha influencia fundamental de sucesivos xéneros coma o punk-rock, o post-rock e o rock alternativo. A polifacética artista, aclamada universalmente como “madriña do punk”, traza un sólido camiño en cada vertente cultural que decide experimentar. Poetisa, cantante, fotógrafa, escritora e compositora, Patti Smith gañou en 2010 o National Book Award estadounidense co seu libro de memorias Just Kids. Ademais de membro do Rock and Roll Hall of Fame, a gran poetisa da música norteamericana foi condecorada co título Commandeur des Arts et des Lettres polo Ministerio de Cultura Francés. Asimesmo, grazas á súa entrega e dedicación ao universo cultural, a artista recibiu innumerables premios honorarios e homenaxes ao longo da súa lonxeva carreira, que abarca máis de catro décadas.

00.30 horas - Nathy Peluso. Praia de Riazor. Esta artista arxentina de sangue italiana e querencia cubana chega no momento xusto. Dotada dun talento vocal extraordinario e dunha intuición musical aventaxada, cita a Celia Cruz coma unha das súas indispensables, pero tamén a Etta James, Nina Simone, Chet Baker ou ao Chayanne de Fiesta en América. A súa educación sonora fraguouse escoitando “cantidades masivas de música” para logo levalas ao seu terreo. O seu terreo é o xénero urbano, as historias, a rúa e as relacións persoais baixo esa etiqueta chamada trap pero que a ela, definitivamente, quédalle máis que pequena. O seu último traballo, La sandunguera, publicado en abril de 2018, dá conta disto. Seis temas en inglés e en español onde salda a súa débeda co jazz vocal, rhythm and blues, hip hop ou ritmos caribeños.
Festival Noroeste Estrella Galicia