Skip to main content

'DJ's no Camiño' chega a Ordes cun set especial de David Expósito, CDC e Marcos Magán

Radio Líder encárgase da organización deste ciclo, para o que conta tamén coa colaboración dos concellos participantes. O programa, de entrada libre, deu comezo o pasado 27 de xullo en Lalín coas actuacións de Groove Amigos, Traffic House e David Expósito, e terá a súa próxima parada en Mondoñedo o 14 de setembro.

A Xunta apoia estes eventos especiais no marco do seu obxectivo de dinamización cultural e turística dos municipios polos que discorren as distintas rutas xacobeas en Galicia. Neste caso, coincidindo ademais no período de maior afluencia de visitantes e peregrinos das localidades que acollen estes sets de música electrónica e de baile.

Ordes é, así mesmo, un dos municipios asociados ao circuíto de espectáculos escénicos e musicais Cultura no Camiño, que a Consellería de Cultura e Turismo promove este ano en colaboración con 76 concellos e co patrocinio de Gadis.

A través desta iniciativa, organízanse nesta localidade seis citas culturais, todas elas pensadas para o público infantil. Nos días pasados xa foron representados os espectáculos O cardume, de Xarope Tulú, e A máquina do tempo, de Ghazafelhos, aos que seguirán este mes os xogos de Paporrubio (día 12, ás 19,00 h.), a maxia de Abarajar Producciones (día 13, ás 22,30 h.) e o circo de Barafunda (día 30, ás 20,00 h.). Pola súa banda, en setembro será a quenda dos Titeremusicontos, de A Xanela do Maxín (día 6, ás 19,00 h). Todas as actuacións están programadas na Alameda, aínda que está previsto que se trasladen á Casa da Cultura en caso de choiva.
DJ's no Camiño