Skip to main content

Inaugurado en Ourense o I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo coa participación de 20 expertos de España e Portugal



O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañados pola delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz, participaron na mañá de hoxe na inauguración do I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo no marco do Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’. Conta coa participación de 20 relatores de España e Portugal que son expertos en turismo deportivo, un dos subsistemas turísticos con maior crecemento interanual e coa asistencia de máis de 300 persoas inscritas.

Alí, na Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, o secretario xeral destacou “as amplas oportunidades sociais e económicas que atopamos detrás de cada un destes ámbitos” polo que o deporte e o turismo son “a idea inicial e ideal, unha indubidable oportunidade sobre un produto que permite a constante innovación e impulsar a sostibilidade socioeconómica, medioambiental e territorial pretendida por todos”. “Todos os estudios sobre a reputación de España no exterior, reflicten entre as principais fortalezas do país o seu deporte. Se a todo iso lle sumamos o potente efecto desestacionalizador do sector, concluímos que estamos ante unha gran oportunidade para a competencia emprendedora”, explicou.

Neste sentido gabou a realización do Congreso de Turismo Deportivo que vai en liña coa Estratexia de Turismo 2020 que ten como obxectivo final “reforzar o atractivo turístico da comunidade e situar a Galicia como destino único a través dun modelo máis competitivo, sostible e adaptado aos cambios do mercado”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a crecente importancia do binomio entre deporte e turismo así como a aposta da Xunta por reforzar estas actividades que contan, dixo, cada vez con máis adeptos. Fixo referencia aos últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) recordando que Ourense está a ter un comportamento turístico moi positivo tanto cuantitativo como cualitativo. Neste sentido indicou que foron xa máis de 300.000 as persoas que visitaron a provincia no que vai de ano, que fixeron máis de medio millón de noites “Uns datos que revelan que a demanda turística está a medrar a un ritmo do 3% grazas, entre outros recursos, tamén ao potencial de Ourense como destino de turismo activo”, indicou Nava Castro.

Segmento en auxe

Ademais de participar na inauguración, Nava Castro impartiu unha conferencia sobre a oferta de turismo activo na nosa comunidade a os avances que está a realizar o goberno galego para a actualización normativa. Neste sentido indicou que en Galicia son ao redor de 300 as entidades e empresas contabilizadas que están realizando o seu traballo no eido do turismo asociado ao deporte e aínda que non se pode falar estritamente dun repunte en Galicia,” si é certo que estamos ante un sector que medra a bo ritmo na nosa Comunidade, como así o demostra o feito de que nos últimos meses esteamos constatando un maior número de altas de empresas deste ámbito”, explicou.

Puxo de manifesto a aposta de Galicia por diferenciar a oferta turística e tamén identificar segmentos turísticos en auxe, como o turismo activo. Recordou que a nosa comunidade é un escenario privilexiado para a práctica de moitos destes accións como a práctica de surf, de regatas náuticas, golf ou deporte de montaña en BTT, entre outras. Salientou, ademáis, que nestes momentos, a Xunta se atopa desenvolvendo un novo marco xurídico para regular toda esta actividade. Trátase do novo decreto de turismo activo que vén de rematar o período de alegacións, que están agora en fase de estudo.

I Congreso Ibérico

O I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo celebrarase en Expourense entre hoxe e mañá de forma paralela e complementaria á terceira edición de ‘Sportur Galicia’, Salón do Deporte e Turismo Activo. O Congreso está organizado pola Secretaría Xeral para ou Deporte, a Axencia Galega de Turismo, a Deputación Provincial de Ourense e Expourense e conta coa colaboración da Asociación do Deporte Español e do Concello de Ourense. Trátase dun evento dirixido aos profesionais do sector como poden ser as federacións deportivas; Pemes e autónomos do sector do deporte e o turismo; Axencias de viaxes; Clubs e empresas do deporte; Alumnado e profesorado de e ensinos deportivos ou turísticos e Administracións públicas con competencia en deporte ou en turismo.

O programa deste congreso dividirase en cinco eixos: políticas públicas, turismo activo e náutico, eventos deportivos, desenvolvemento de destinos e simbiose deporte-turismo.

Os 20 relatores de España e Portugal darán a coñecer casos de éxito de destinos e modelos españois e internacionais que poden ser adaptados e reproducidos por outras entidades e que poden resultar inspiradores para o desenvolvemento económico sustentable de destinos turísticos en todo o mundo. Analizaranse ademais as sinerxias existentes entre os sistemas deportivo e turístico, das que xurdirán oportunidades e ideas para as entidades e persoas que conforman ambos os sistemas.
Expourense