Skip to main content

A feira ExpoBus Iberia 2019 arranca cun extraordinario crecemento e 152 firmas expositoras

Este crecemento supuxo tamén un maior carácter internacional do certame, pois as firmas expositoras proceden de 21 países, un 61% máis, mentres que os expositores directos son de 4 países, que supoñen o dobre que o ano pasado e que son España, Portugal, Irlanda e Turquía. En canto ás empresas presentes directamente, tamén destaca que o 81% son de fóra de Galicia, nacionais ou estranxeiras, mentres que na pasada edición eran o 72%.

En canto á superficie neta, ocuparán 8.009 metros cadrados, un 36,5% máis que en 2018, cando ascendera a 5.865 metros cadrados. Un incremento que supuxo que a feira se estenda a un segundo pavillón. Sumaranse a este espazo as zonas ocupadas por distintas actividades tanto nun dos pavillóns como no exterior, chegando aos 29.000 metros cadrados brutos.

Entre os expositores de ExpoBus Iberia 2019 están moitas das principais empresas fabricantes e carroceiras do sector do autobús, ademais de numerosas compañías relacionadas coa industria auxiliar. Todas elas conformarán un completo escaparate no que se poderán ver as últimas tendencias e novidades no transporte de viaxeiros por estrada.

Ademais, sumarase un atractivo programa de actividades para conformar unha cita imprescindible para profesionais do sector do autobús e o autocar, que será inaugurada mañá polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela

Un programa con gran interese

As actividades de ExpoBus Iberia tamén aumentan nesta edición, destacando as propostas técnicas pero contando ademais con algunhas máis lúdicas.

Haberá un maior número de xornadas técnicas, que ademais destacarán por abordar temas de máximo interese. Así, o primeiro día varios xestores nacionais debaterán sobre o futuro da mobilidade urbana, ademais de levarse a cabo unha intervención centrada na viabilidade dos autobuses de hidróxeno e outra nos servizos dixitais Omniplus ON para autobuses e autocares. O segundo día o director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Mestre, falará sobre o Plan de Transportes de Galicia, trataranse as innovacións en seguridade para autobuses e autocares e realizarase un coloquio sobre a situación do transporte de viaxeiros por estrada nos mercados portugués e francés de longo percorrido. O último día analizarase a escaseza de condutores profesionais no sector, tratando aspectos como os plans de fomento para o emprego ou o papel da Administración.

Outra proposta será o concurso “Mellor Condutor de Autocares de España 2019”, o cal conta con Irizar como patrocinador principal e con Man Truck & Bus como patrocinador técnico. Avaliaranse entre os participantes distintos aspectos prácticos, como a suavidade na condución, a anticipación, a habilidade ou os hábitos, e incorporaranse por primeira vez os coñecementos teóricos. Determinaranse a través de distintas probas, entre elas diana de precisión, cálculo de paso estreito e altura ou aparcamento lateral, ademais dun exame tipo test.

Tamén dentro do programa máis profesional da feira incluirase un circuíto de probas no que varias empresas poñerán ao dispor dos seus potenciais clientes a posibilidade de conducir algún dos seus modelos tanto polo espazo exterior do recinto como por estrada. Ademais, na liña de consolidación de ExpoBus Iberia como punto de encontro sectorial, produciranse varias reunións como as da Federación Galega de Servizos de Transporte en Autobús (Fegabús) e a Federación Galega de Asociacións de Viaxeiros en Autocar (Transgacar).

En canto ás actividades máis lúdicas, destacará unha exposición de clásicos nas que poderán verse orixinais autobuses dende a década dos 30, con algún modelo que é o único que se conserva actualmente a nivel mundial. Algúns contan con curiosos extras da época e outros, ademais de por as súas características, destacan polos viaxeiros que o ocuparon, como un que foi o autobús oficial do club de fútbol Atlético Aviación ou outro que transportou ao Ballet Ruso durante unha xira española nos anos 70. Son auténticas xoias de Empresa Cuiña e Autocares Mosquera (grupo Autocares Rías Baixas), Autocares Lázara, Autocares Meijide, Autocares Benito García e a desaparecida Empresa Garrido

Por outra banda, os visitantes poderán saber como viaxaban os nosos pais ou avós nos anos 50 gozando dun paseo nun vehículo pertencente á colección de autobuses históricos da Empresa Cuiña, do ano 1953 e que dispón de gran cantidade de detalles que o converten nun autocar de luxo da época.

Os visitantes interesados en coñecer a exposición de ExpoBus Iberia e participar neste programa de actividades, contarán cun servicio de autobuses dende Santiago de Compostela. Os seus horarios e lugar de saída están dispoñibles en www.expobusiberia.com.

Feira Internacional de Galicia Abanca