Skip to main content

O Festival de Ortigueira abre o concurso Runas para grupos noveis de 2020 e impulsa o proxecto de cara a 2021

Os finalistas deste ano anunciaranse coincidindo coas datas nas que debería terse celebrado o Festival 2020. Os 3 finalistas do concurso, a través da votación online e do xurado serán contratados para actuar no escenario do Festival 2021 e percibirán cada un caché de 1.500 euros, IVE incluído e alí competirán xunto aos futuros vencedores do Proxecto Runas 2021. Da actuación dos finalistas do ano 2020 e do ano 2021, sairán dous gañadores que actuarán en 2022 no escenario principal.

Deste xeito o festival intensifica nas redes a promoción e posta en valor do proxecto de promoción dos novos valores da música Celta. O Runas terá tamén máis presenza no Festival, que engade un día enteiro a súa programación dedicado por completo ás actuacións dos finalistas do concurso.

Poderán tomar parte no concurso as formacións cuxo repertorio aborde a música tradicional dos países de orixe celta, en sintonía coa música habitual que se programa no Festival, calquera que sexa a súa procedencia. O material para participar poderá enviarse ata o luns 15 de xuño e o proceso de selección constará de 2 fases:

Unha primeira fase onde un comité técnico nomeado polo Concello de Ortigueira fará unha selección dun máximo de dez traballos de entre os recibidos que reúnan todos os requisitos.

E unha segunda fase onde os traballos dos dez grupos seleccionados poderán escoitarse na páxina web do evento www.festivaldeortigueira.com a partires do luns 22 de xuño, momento no que se activará o proceso de votacións online e que finalizará o mércores 8 de xullo ás 14 h.

Os finalistas determinaranse por un sistema de cinco votos. Un voto sairá da votación popular na páxina web do Festival, e os outros catro votos procederán dun xurado composto por músicos, xornalistas musicais e promotores seleccionados polo Concello.

O tres grupos finalistas, serán anunciados na páxina web o martes 14, mércores 15 e xoves 16 de xullo, día no que tiña previsto comezar o Festival de de 2020. Anunciarase un grupo finalista cada día. Desde a elección dos finalistas ata a celebración do festival, realizarase a promoción dos grupos finalistas a través da publicación dos seus temas, entrevistas, vídeos, ou aquel material do que dispoñan ou xeren neste tempo nos perfís oficiais do festival en redes sociais, así como na web www.festivaldeortigueira.com.

Os grupos finalistas serán contratados para actuar no festival 2021, onde cada grupo disporá de corenta minutos de actuación. Dos seis grupos que actuarán en 2021, (os tres finalistas de 2020 xunto cos 3 finalistas de 2021) escolleranse polo xurado aos 2 grupos merecedores de participar no Festival do ano 2022, que serán contratados para o dito fin e percibirán un caché de 3.000 euros, IVE incluído.

Na pasada edición houbo un empate. Os xaponeses Yuki Kojima Band e os galegos Dequenvessendo empataron o verán pasado na final do Runas 2019. Ambos grupos percibirán 3.000 € e actuarán no 2021 no escenario Estrella Galicia.

Bases para descargar en galego, castellano e inglés en https://festivaldeortigueira.com/runas.
Festival de Ortigueira