Skip to main content

Play-Doc deseña un novo modelo de festival para a súa edición 2020

A organización presentará unha edición adaptada ás circunstancias e aos protocolos de seguridade requiridos en cada momento, para iso, nesta ocasión, o Festival pretende achegarse máis ao público, saír á rúa, e facer que parte da súa programación tamén se poida gozar en diferentes localizacións da cidade fronteiriza. O Teatro Municipal seguirá sendo o seu punto de encontro principal pero súmanse lugares como a Praza do Pracer, convertida na súa segunda sede, e outros puntos da cidade onde o público poderá participar de encontros, concertos, talleres e actividades dirixidas especialmente a eles.

Play-Doc quere manter o seu espírito e continuar sendo un festival de dimensións reducidas pero cunha traxectoria e alcance de enorme transcendencia nacional e internacional. Este ano, como novidade, o festival tamén se poderá gozar dende casa, pois parte dos seus contidos estarán dispoñibles online, e para todo o territorio español grazas á colaboración con Filmin, a plataforma de cinema en streaming por excelencia en España.

Play-Doc consolidouse como referente, logrando manter un modelo de festival singular cunha programación rigorosa e un público masivo e extraordinariamente heteroxéneo. Ao longo destes dezaseis anos, Play-Doc converteuse nun lugar ideal para o encontro de novos creadores e polo que pasaron verdadeiras lendas do cinema como Albert Maysles, Bruce Weber ou Artavazd Pelesjan, así como cineastas de culto, esquecidos, censurados ou descoñecidos como Kidlat Tahimik, Charles Burnett ou Peter Emanuel Goldman, entre outros.

Esta XVI edición de Play-Doc celébrase por primeira vez baixo a marca creada pola Deputación de Pontevedra, Rias Baixas Film Fest, creada para axuntar e fortalecer os principais festivais audiovisuais da provincia.
Play-Doc 2020