Skip to main content

Inaugurada a XXVI Mostra de Alfaroleiros, que acolle ceramistas e oleiros de Galicia, do resto de España e Portugal

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron hoxe en Oleiros á inauguración da XXVI edición de Alfaroleiros, que se celebra ata o 9 de agosto na vila de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña). Este encontro destaca pola súa relevancia como punto de encontro para os profesionais do oficio da olería e cerámica galegos, do resto de España e Portugal, e como dinamizador económico e cultural da comarca e do sector artesanal.

Neste encontro haberá demostracións e venda de produtos de 23 expositores do oficio da olería e cerámica de Galicia e de distintos puntos de España e Portugal. Sete deles representan ás catro provincias galegas: José Vázquez Vázquez, olería de Niñodaguia, Xunqueira de Espadañedo e María del Carmen Doval da olería de Batán en Ourense; Aparicio Añón Caamaño e José Antonio Añón Lista, olería de Buño (Malpica) e o ceramista José Juan Unzueta Olalde de Brión (A Coruña); María Otilia Arias García, olería de Gundivós, Sober (Lugo) e Alejandro Añón Gil de Salvaterra do Miño (Pontevedra). O resto dos participantes proveñen de Portugal e doutros puntos do país (Toledo, Castellón, Xaén, Granada, Córdoba, Salamanca, Segovia, A Rioxa, Cáceres, Zamora e Badajoz).

O programa inclúe tamén obradoiros de artesanía, xogos tradicionais para os máis cativos, proxección de películas e espectáculos de circo, teatro e maxia. Haberá actuacións musicais
dirixidas a todos os públicos.

Cómpre destacar a contribución desta feira á conservación dos oficios artesanais tradicionais. A recuperación, o mantemento e a divulgación deste oficios constitúe unha ferramenta de dinamización social e de divulgación da cultura galega, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan ao sector artesanal galego.
Alfaroleiros