Skip to main content

O I Congreso Internacional do Teatro Galego celebrarase do 7 ao 10 de outubro en Santiago de Compostela

Por unha banda, analizar o pasado e o presente do teatro galego a través de comunicacións, mesas redondas e sesións plenarias dende unha perspectiva académica que contribúa a un mellor coñecemento do sistema teatral de Galicia. Por outra, deseñar, a través do debate, os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e dunha lexislación que ampare a creación e distribución escénica para a vindeira década. Equilibraranse así dúas perspectivas –académica e política– para deseñar o futuro do teatro galego.

Desde a Academia Galega de Teatro, organizadora do Congreso, estase traballando para desenvolver todas as actividades no contexto actual da crise sanitaria, e tomaranse todas as medidas sanitarias e de distanciamento necesarias para garantir a seguridade de todos os asistentes fronte á Covid-19, compatibilizando a asistencia presencial e virtual dos participantes.

En caso de que as circunstancias así o requiran, o desenvolvemento do Congreso será exclusivamente virtual, de xeito que se poida garantir a súa celebración aínda no caso de que haxa que tomar medidas extremas de precaución. De feito, algúns dos relatores de terceiros países con problemas para desprazarse ata Santiago de Compostela, presentarán os seus relatorios por vía dixital.

Tres grandes ámbitos temáticos

O Congreso Internacional do Teatro Galego artellarase arredor de tres grandes ámbitos temáticos: “Experiencia acumulada”, que inclúe a análise do proceso de profesionalización, a evolución das programacións teatrais nos últimos 20 anos, e a análise da evolución dos espazos escénicos; ”Retos actuais2, que desenvolverá os epígrafes 'A crise da profesión teatral e os seus oficios; conflitos laborais e sociais', 'As programacións teatrais en Galicia', e 'Por un teatro inclusivo'; e “Modelos externos”, que analizará o modelo portugués, outros modelos europeos e modelos americanos.

Unha ducia de Mesas de Traballo debullarán temas como “A creación e o público”; “Distribución”; “Difusión e formación”; “Teatro Afeccionado; “Teatro de Monicreques”; “Produción e xestión”; ou “Creación, xestión e público”. Unha vintena de comunicacións particulares, por outra banda, analizarán cuestións como a deontoloxía na profesión teatral, o emprendemento, as aulas universitarias de teatro, a tradución de textos teatrais, os procesos colaborativos ou a dramaturxia actual, entre outros.

Nestas mesas de traballo participarán coñecidos profesionais do teatro como Eduardo Alonso, María Armesto, Xesús Ron, Tito Asorey, Vanesa Sotelo, Santi Prego, Laura Míguez, Xulio Lago, Luma Gómez, Rosa Puga ou Isabel Rey; persoas estudiosas do fetito teatral como Dolores Vilavedra, Manuel Vieites, Inma López Silva, Carlos Caetano Biscainho, Fabrice Corrons, Laura Tato, Carlota Guivernau, Alexandra Moreira da Silva ou Xosé Ramón Freixeiro Mato; e xestores culturais como Pilar López Pérez (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural), Marta Núñez ou Gonçalo Amorim, entre moitos outros.

Xa se poden descargar no web do Congreso (www.congresodoteatro.gal) o “Libro de conferencias” e o “Libro de Comunicacións”, nos que se poden ler traballos de Cristina Domínguez, Francisco Oti Ríos, Xavier Estévez, Marta Núñez, Laura Míguez, Rui Madeira, Guillem-Jordi Graells, Guiller Heras, Santi Prego, Carlos Caetano Biscainho Fernandes, Artur Trillo, María Armesto, Carlota Guivernau, Fabrice Corrons, Manuel Dasilva, Isabel Rey, Toni Rumbau, Idoya Otegui , Alexandra Moreira da Silva, Xosé Manuel Fernández Castro, Pablo Iglesias Simón, Cecilia Carballido, Xesús Ron, Carlos Lorenzo Pérez ou Agustín Iglesias, entre outros.

Outras actividades

Paralelamente, presentaranse proxectos como a Colección de Teatro da Editorial Galaxia, a Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado, a colección de textos bilingües Premios de Teatro Rafael Dieste –editada pola Asociación Española de Directores de Escena–, a colección de textos teatrais DiTeatro de Edicións Positivas, o Fondo Teatral María Casares xestionado pola Revista Galega de Teatro na Biblioteca Pública de Cangas ou o circuíto de distribución Camiño Escena Norte, promovido por Escena Galega (a a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) xunto cos seus equivalentes en Asturias, Cantabria e Euskadi.

Homenaxes e medallas

Coa intención de “render homenaxe a toda unha xeración que traballou para que a escena galega existise”, serán nomeados membros de honra Manuel Lourenzo, Luís Álvarez Pousa e María Xosé Queizán. Ademais, entregarase a Medalla da Academia, a título póstumo, a tres fundadores do teatro galego desaparecidos nos últimos tempos: Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada.

O I Congreso Internacional do Teatro Galego conta co apoio da Academia Galega de Teatro, Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, ADE (Asociación de Directores de Escena de España), Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Axencia Galega de Turismo, Fundación AISGE (Artistas Intérpretes, Sociedad de Gestión de España), Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, Centro Dramático galego, Cidade da Cultura de Galicia, Concello de Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, Deputación Provincial da Coruña, Escena Galega (Asociación de Compañías de Teatro de Galicia), Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), Fundación SGAE, Illa Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da UDC, INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música), Unión Internacional de la Marioneta (UNIMA-Galicia), Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Xunta de Galicia.
I Congreso Internacional do Teatro Galego