Skip to main content

Corenta turoperadores con presencia en once países buscarán propostas turísticas no salón Turexpo Galicia


Así, no seu marco reuniranse 40 operadores turísticos con presenza en once países, que son Alemaña, Bulgaria, EE.UU, España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Suíza e Ucraína. En 2019 foran 48 operadores turísticos con oficinas tamén en once países.

Estes operadores internacionais e nacionais coñecerán a oferta de empresas do sector do turismo, a maioría galegas, e tamén destinos. Todos eles poderán mostrarlles detalladamente as súas propostas aos operadores turísticos co obxectivo de que as incorporen ás ofertas que farán aos seus clientes nos países nos que contan con oficinas. Será a través de reunións axendadas en función dos intereses de ambas partes durante o primeiro día e medio do certame, o cal terá lugar no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Entre as súas demandas para coñecer nestes encontros, moitos dos operadores turísticos destacan hoteis, spas e balnearios e propostas tanto de lecer e cultura como gastronómicas e de enoturismo, ademais de axencias de viaxes, maioristas e empresas de servizos. Nesta ocasión tamén numerosos operadores turísticos están interesados en experiencias únicas, para grupos pequenos e viaxes a medida. Un turismo máis selectivo, pero de gran interese para a oferta galega.

Fam Trip

A estas mesas de negocio engadirase o sábado día 4 pola tarde e o domingo día 5 durante todo o día unha pequena viaxe de familiarización na que participará a maioría de operadores turísticos asistentes ao salón e que estará moi vinculada ao Ano Santo Xacobeo, dada a súa celebración este ano.

Así, o sábado realizarán unha visita guiada ao centro histórico de Santiago de Compostela, deténdose na Catedral, o Museo Catedralicio e o Palacio de Xelmírez. Xa o domingo realizarán parte da ruta da “Traslatio Xacobea”, a cal segue o traxecto que realizou o corpo do Apóstolo Santiago en Galicia ata a súa chegada a Compostela. Así, dende Ribeira viaxarán en barco pola Ría de Arousa ata o Río Ulla, con chegada a Pontecesures, aproveitando para divisar unha panorámica do Barbanza (Arousa Norte), bateas e artes de pesca tradicionais e a Illa de Cortegada, cunha introdución ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Así mesmo, verán a Torre de Catoira e as embarcacións viquingas “ Drakkars”.

Xa en Padrón, pasearán polo Camiño, coñecerán o seu centro histórico e a Igrexa de Santiago, onde se conserva o “Pedrón”, ara romana onde amarraron a barca que contiña o corpo do Apóstolo. Visitarán ademais a Igrexa Colexiata de Santa María de Iria Flavia e finalizarán a viaxe entrando a Santiago polo Camiño Portugués.
Feira Internacional de Galicia ABANCA