Skip to main content

Autobán celebra en 2023 a súa edición máis completa e multitudinaria


En 2023 o colectivo de autores que organizan o evento constituíuse como Asociación Cultural Autobán co fin de darlle estabilidade á convocatoria e de captar novos membros que contribúan a seguir acadando os seus obxectivos de fomento e promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión. Froito dese novo estatus foi a sinatura de varios convenios de colaboración con diversos organismos e empresas, entre as que destacan as principais librarías especializadas en cómic de Galicia, e particularmente a entidade PuntoGal, que se convertería no patrocinador principal deste Autobán.

Máis dunha semana de actividades en varias localizacións

Como resultado de todos estes apoios, en 2023 Autobán expandirá as súas actividades paralelas máis aló dunha fin de semana, como viña sendo habitual. Con todo, as principais accións, que serán de asistencia gratuíta, terán lugar o venres 11 na Sala Filomatic (coa presentación dos proxectos participantes e a celebración do popular Combate de Debuxantes) e o sábado 12 de agosto, na céntrica praza de San Andrés, onde se desenvolverá o Mercado de Autoedición.

Pero xa durante a semana previa, empezando o luns 7, desenvolveranse unha serie de actividades paralelas para ir quentando motores entre as que destacan un concerto ilustrado no Teatro Colón ese mesmo día e varios obradoiros de artes aplicadas a cargo de creadores locais na libraría A Tobeira de Oza. Haberá tamén un par de exposicións: unha retrospectiva con fotos e cartelería dos 9 anos do festival no Café de Macondo que servirá de antesala do 10º aniversario do evento, e mais unha mostra do artista Edmon na Grelería.

En datas que coinciden coas festas da cidade, e especialmente co festival Noroeste e con Viñetas desde o Atlántico, coa súa programación expandida o Autobán busca completar a oferta estival da cidade herculina e tentará revalidar a súa condición de punto de referencia inexcusable a nivel estatal para os amantes dos fanzines e do cómic independente e para as novas xeracións de valores (tanto os habituais do panorama galego como procedentes de toda a xeografía española e mesmo Portugal) que encontraron no evento coruñés unha lanzadeira ideal e un punto de confluencia caracterizado polo bo ambiente.

A continuación, debullamos polo miúdo o programa completo de actividades do Autobán en 2023, lembrando que a toda a información actualizada poderá consultarse na nova páxina web autoban.gal e nos perfís de redes sociais do evento en Facebook, Twitter e Instagram.

Programa Autobán 2023
LUNS 7 de agosto | CONCERTO ILUSTRADO
TEATRO COLÓN (Avenida da Marina 7A)
21:00 h. | Concerto de Hongo ilustrado por Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde.
Debuxo en directo durante a actuación de Hongo, banda coruñesa con máis de vinte anos de andaina. A execución dos deseños de tres artistas da Coruña (Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde) será proxectada en tempo real durante o concerto.
Actividade organizada para o festival Viñetas desde o Atlántico.

De LUNS 7 a XOVES 31 de agosto | EXPO RETROSPECTIVA
CAFÉ DE MACONDO (Rúa San Andrés 106)
Exposición retrospectiva de 9 anos de Autobán. Poderás ver os deseños de 8 edicións de verán, 7 edicións de inverno e unha edición dixital por mor da pandemia. E, ademais das imaxes dos cartaces, tamén teremos fotos emblemáticas dos eventos e mostras de merchandising de cada ano do festival.

De LUNS 7 a VENRES 11 de agosto | OBRADOIROS NA TOBEIRA
A TOBEIRA DE OZA (Rúa da Merced 24)
SERIGRAFÍA DIY
De luns 7 a xoves 10 | 9:00 a 14:00 h. Impartido por Sien
Curso intensivo de 20 horas (clases de 5 horas durante 4 días) para aprender a facer serigrafía coas túas propias ferramentas. Aprende a imprimir en serigrafía, montar o teu propio taller e a funcionar por libre. Máis info e reservas en zuloazul.com e no e-mail drsienra@gmail.com

OBRADOIRO DE ANAGLIFOS
Venres 11 | 12:00 a 13:00 h. Impartido por Sien
Só tes que acudir co teu portatil ou tablet e 1 hora do teu tempo. Crearemos as nosas propias lentes para poder visualizar imaxes en estéreo e aprenderás a converter os teus deseños en imaxes estereoscópicas. Máis info e reservas en zuloazul.com e no e-mail drsienra@gmail.com até o sábado 5 de agosto.

CARVA O TEU SELO PERSOAL!
Mércores 9 | 18:00 a 20:00 h. Impartido por Xoana Pousa (Cuchiflainas)
Prezo: 25 € (materiais incluídos)
Obradoiro de estampación manual no que deseñarás un selo propio que te represente e poidas empregar para firmar as túas creacións, intercambiar e coleccionar estampas. doutras persoas, e mesmo facer un pequeno parche-etiqueta para as túas prendas. Material incluído para facer o selo, libreta A6 e diferentes teas e papeis para estampar.
Máis info e reservas escribindo a elcuchicorreo@gmail.com até o luns 7 de agosto.

VENRES 11 de agosto | AUTOBÁN, ACTIVIDADES LÚDICAS
SALA FILOMATIC (Rúa San José 21)
18:30 h. | Apertura de portas
19:00 h. | AUTOBOMBO
O Autobombo consiste nunha trintena de presentacións rápidas ao cargo dos participantes no mercado de autoedición que queren amosar as súas obras e produtos. O formato escollido será de 11x11: cada presentación terá 11 imaxes proxectadas durante 11 segundos cada unha, acompañadas das explicacións dos fanzineiros. É un xeito ameno e rápido de coñecer as propostas do Autobán.
21:00 h. | COMBATE DE DEBUXANTES
Oito debuxantes entran, un sae… e levará o trofeo e o megapremio do Autobán 2023! Este ano volvemos repetir o popular evento de belixerancia debuxeira, pero nesta ocasión contamos con novos combatentes que veñen dispostos a zoscarse (metaforicamente) e a suar tinta (literalmente). Incriblemente presentado por Miguel Sekone.

SÁBADO 12 de Agosto | AUTOBÁN, MERCADO E OBRADOIROS
PRAZA DE SAN ANDRÉS
12:00 a 22:00 h. | MERCADO DE AUTOEDICIÓN
O Mercado de Autoedición ofrece a oportunidade de amosar e vender o seu material a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais. Este ano contamos con máis de 70 propostas vidas de toda a Península.
Desenvolverase na Praza de San Andrés, coa inestimable axuda da Grelería.
Música ao longo do día por Pinchos e Pinchadas, Willy the Squid, PUTA PUTA PUTA, Pandereperras e outras artistas por confirmar. Pinchos e pinchadas é un proxecto creativo artístico-culinario de Vigo que traerá delicias veganas para animar o xantar. Cata de cervexas artesás de Alé Alé.
12:30 h. | MINIBÁN: Sen pés nin testa! Obradoiro de fanzín DADA para cativos e non tan cativos. Impartido por JULIA ABALDE
Neste obradoiro gratuíto para cativos e maiores crearemos empregando os métodos dos dadaístas, uns artistas que querían rirse da arte seria e atoparon liberdade no sensentido. Probaremos técnicas variadas coma o collage, o debuxo aleatorio ou a escritura automática, para romper co pensamento lóxico e xogar co azar e co disparate!
19:00 h. | OBRADOIRO 2x1: Crea un fanzine e un póster dunha sentada! Impartido por RO LEDESMA
Neste obradoiro dunha hora gratuíto e aberto a público de todas as idades, a ilustradora Ro Ledesma guiaranos na creación dun fanzine despregable que se converte en póster. Será un espazo dirixido á experimentación e á creatividade, non fai falla ter coñecementos previos e o material está incluido.
INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN de EDMON na Grelería
Edmon estudou Belas Artes en Granada e o Máster en Deseño e Ilustración da Universitat Politécnica de Valencia. Realizou traballos de ilustración e animación para clientes como El País, Penguin Random House, Reebok ou artistas como Foyone. Amante da autoedición, é habitual de festivais do circuíto como GRAF e Posto. Actualmente reside en Mataró e traballa na súa primeira obra longa.
01:00 h. | FESTA Post-Autobán
BAR 13 (Rúa Orzán 115)
Festa de peche do Autobán 2023 no Bar 13.
Autobán