Skip to main content

O sector de conservas e conxelados de productos pesqueiros ocupa o terceiro posto entre as actividades económicas, detrás da automoción e do sector téxtil

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, sinalou que a tendencia ao desenvolvemento económico debe proseguir con maiores investimentos e novos esforzos para manter a relevancia económica, laboral e social do sector pesqueiro que se alcanzou nos últimos anos. Así, o titular do Goberno afirmou que “dende a Xunta de Galicia fomos sempre conscientes da importancia estratéxica do sector conxelador galego. Este compromiso reforzouse co Plan de Dinamización Económica de Galicia a través do cal se destinan ao investimento na industria de transformación de productos pesqueiros a cantidade de 179 millóns de euros no período 2003-2006.

O presidente do Executivo autonómico fixo estas declaracións durante a inauguración da empresa Frigomar Burela, S.A. en Cervo (Lugo), dedicada á elaboración e comercialización de pescado conxelado e creada para contribuír ao crecemento do enramado empresarial galego. No acto tamén participou o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, e o alcalde de Cervo, José Insua Pernas.

Na súa intervención, Manuel Fraga, subliñou que o Goberno destinou no 2003 unha axuda superior aos 2.300.000 euros para o desenvolvemento da industria frigorista. Ademais, a Consellería de Pesca achegou máis de 220.000 euros en febreiro de 2004 destinado a financiar á compra de maquinaria e equipamento para a creación dunha sala de elaborados con climatización e equipos de laboratorio. Estes investimentos “buscan o desenvolvementos desta importante industria que hoxe comeza a súa andaina”

PIAR CREADOR DE EMPREGO

O presidente do Goberno recordou que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, o emprego na pesca da nosa Comunidade se mantén mentres descende no resto de España. Con referencia á industria conxeladora e frigorista, xeráronse preto de 11.000 postos de traballo, un 14% máis que en 1999.

Neste senso, o titular do Goberno sinalou que está convencido de que Frigomar Burela S.A. apostará pola calidade da que en orixe xa goza o sector frigorífico galego.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DA EMPRESA FRIGOMAR BURELA S.A.

- “O sector da industria frigorista estase a transformar profundamente xa que este ámbito consolidouse nos últimos anos como un piar creador do emprego dentro da economía galega”.

- “O Goberno destinou no 2003 unha axuda superior ós 2.300.000 euros. Asemade, a Consellería de Pesca achegou á empresa Frigomar Burela S.A., en Cervo (Lugo), máis de 220.000 euros en febreiro de 2004”.

- “O sector de conservas e conxelados de productos pesqueiros ocupa o terceiro posto entre as actividades económicas, detrás da automoción e o do sector téxtil”.

- “O Plan de Dinamización Económica de Galicia sinala esta actividade entre as preferentes. Así, as cantidades destinadas ao investimento na industria de transformación de productos pesqueiros ascende a 179 millóns de euros no período 2003-2006”.

- “Os datos do Instituto Galego de Estatística demostran que no caso da industria conxeladora, xeráronse preto de 11.000 postos de traballo directo, un 14% máis que en 1999”.

- “O volume de ventas no 2003 foi superior aos 2.600 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 37% respecto a 1999”.

- “Esta tendencia de desenvolvemento económico debe proseguir con maiores investimentos e novos esforzos para manter a relevancia económica, laboral e social do sector pesqueiro que se alcanzou nos últimos anos”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia