Skip to main content

O presidente da Xunta destaca a profesionalidade do sector da planta ornamental de Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, destacou a profesionalidade do sector da planta e da flor ornamental de Galicia, unha actividade profesional que supón “preto do 10% da produción agrícola galega”, precisou. O presidente da Xunta fixo estas declaracións no acto inaugural da Feira Galicia Ornamental, ó que acudiu acompañado polo Director Xeral de Investigación Tecnolóxica, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Santiago Oca Fernández.

O xefe do Executivo autonómico salientou o labor desenvolvido pola Asociación de Produtores de Plantas Ornamentais de Galicia (Asproga), a entidade organizadora deste certame. A súa iniciativa contribúe, ó seu xuízo, “non só a dar a coñecer os nosos produtos florais noutros países, senón tamén a afianzar este sector no noroeste peninsular e a amosar e achegar á xente a súa importancia e o seu potencial”.

Emilio Pérez Touriño asegurou que este é “sen dúbida un sector de importante proxección e futuro, así como un perfecto complemento da agricultura galega; e iso conleva enfrontar o reto de satisfacer a inmensa demanda que chega”. O presidente instou ós traballadores do sector a “continuar mellorando a calidade e a variedade da oferta galega de plantas deste tipo co fin de ser competitivos a nivel mundial”.

O máximo mandatario galego manifestou a súa convicción de que “non está lonxe o tempo en que poidamos falar dunha denominación Plantas de Galicia, grazas á profesionalidade do sector e á calidade dos nosos produtos”.


O presidente da Xunta tivo a ocasión de visitar a feira, acompañado polo presidente de Asproga, Manuel Rodríguez Teijo. Posteriormente, participou na entrega de premios do I Concurso de Xardíns Urbanos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia