Skip to main content

Emilio Pérez Touriño compromete o apoio da Xunta na profesionalización e modernización do sector do moble galego

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeu o esforzo do Goberno que preside na profesionalización e modernización do sector do moble e madeireiro galego, que xera unha cifra de negocio próxima ao dez por cento do total español. O titular do Goberno autonómico fixo esta afirmación durante a clausura da XIX edición da Feira do Moble de Galicia, que se celebrou na Estrada ao longo desta semana e que foi visitada por máis de 100.000 persoas. No acto de clausura tamén participaron, entre outros, a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, o presidente da Diputación Provincial, Rafael Louzán, o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, a secretaria xeral do Benestar, Carme Adán, e o alcalde da Estrada, Ramón Campos.

Emilio Pérez Touriño salientou que a evolución deste certame nos últimos anos e os seus resultados permiten concluír que o do moble e o madeireiro son “sectores económicos cun elevado grao de fortaleza, estabilidade e capacidade de dirección”. Sen embargo, o presidente da Xunta apostou por ser ambicioso e marcarse novos retos, como o de desenvolver “unha imaxe de marca internacional para o moble galego” e traballar por unha denominación de orixe para as madeiras da Comunidade.


É dicir, competir con máis seguridade, con máis posibilidades aplicando novas técnicas de venda e de promoción. “Este é o camiño, sen dúbida, a innovación, a capacidade de xerar valor no produto, de transformar, de buscar imaxe de marca e buscar competitividade no mercado adaptándose aos novos desafíos e as novas liñas que marcan as tendencias dos mercados”, subliñou o presidente da Xunta.

O presidente da Xunta tamén sinalou que ter o mellor produto non é suficiente hoxe en día se non se melloran as redes e as canles de distribución e venda, a súa articulación, velocidade e capacidade.

Isto, segundo o presidente da Xunta, permitirá achegar mercados e tamén competidores”. Por iso, engadiu, a tarefa do conxunto dos galegos e do Goberno da Xunta debe ser achegar aos sectores primario e secundario innovacións en equipamento, tecnoloxías e deseño, “innovacións –indicou- que nos permitan competir en pé de igualdade con industrias doutros territorios máis desenvolvemos e avanzados”.

Esforzo dos organizadores


Emilio Pérez Touriño tamén quixo salientar o esforzo realizado polos organizadores da Feira do Moble de Galicia ao longo dos seus dezanove anos de existencia. Deste xeito, lembrou a posta en marcha da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, organización que dirixe a feira desde 1992.

A creación desta fundación contribuíu, segundo o presidente da Xunta, a acelerar o éxito do certame, grazas a unha xestión moderna e especializada e á ampliación das actividades, como a posta en marcha da feira profesional ou a feira de antigüidades e cousas curiosas. Neste sentido, Emilio Pérez Touriño tamén salientou o compromiso desta organización coa formación continua e o emprego de calidade na comarca, compromiso que a induciu a implementar no pasado ano un plan estratéxico polo emprego e a colaborar co Servizo Galego de Colocación como intermediario entre empresas e traballadores.

Así mesmo, o máximo mandatario galego salientou o traballo da Escola do Moble, creada en 1993 co obxectivo de facilitar aos desempregados unha formación profesional imprescindible para a súa integración no mercado laboral deste sector.

Traballar para a vindeira edición

O presidente da Xunta quixo rematar a súa intervención animando aos presentes na clausura da Feira do Moble de Galicia a comezar a preparar a vindeira edición coa promesa de continuar nas mesmas liñas de calidade e esforzo, co compromiso de mellorar a eficiencia das empresas e aproveitar as vantaxes competitivas que ofrece a economía galega e “coa responsabilidade de que non se perda un só esforzo produtivo no noso país”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia