Emilio Pérez Touriño comprométese a realizar un esforzo conxunto co Ministerio de Agricultura e Pesca a fin de gañar competitividade e mercados para Galicia e España

O obxectivo do Executivo, segundo sinalou Pérez Touriño, é apoiar desde a Xunta de Galicia a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, gañar unha maior presenza nos mercados internacionais e conseguir a cooperación con outros países que permitan unha “mellor e máis grande presenza para fortalecer o sector” e axudar ou promover a súa transformación permanente. “O mundo da pesca, o complexo que xira entorno do mundo do mar é unha vocación de país”, salientou.
Cooperación conxunta
Na súa intervención, o xefe do Executivo galego tamén avogou pola cooperación entre a Xunta e o Ministerio de Agricultura e Pesca, elaborando estratexias comúns para gañar competitividade e presenza nos mercados internacionais para España e Galicia. Deste xeito, Emilio Pérez Touriño comprometeu o seu pleno apoio con este esforzo e tamén lembrou a necesidade de colaboración entre os territorios colindantes, como Asturias e o norte de Portugal. Neste senso, o presidente galego apostou por fortalecer a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, na que Vigo terá unha importancia decisiva, sendo “centro básica de referencia”.
Conxemar

“É extraordinariamente importante que Conxemar estea a xogar este papel, que esta feira sexa hoxe probablemente xa a primeira de referencia no ámbito europeo e das primeiras no ámbito mundial. Isto non é un tópico, acabo de constatar que é unha realidade”, concluíu o presidente.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia