Skip to main content

O Sindicato Labrego Galego convoca ao sector leiteiro a unha manifestación o mércores para esixir rendas dignas

Pasadomañá, mércores 19 de outubro, a partir das 12:00 horas, o Sindicato Labrego Galego manifestarase na cidade d’A Coruña para esixir unhas rendas dignas para as explotacións leiteiras galegas diante das agresións sufridas por este sector nos últimos meses: as perdas como consecuencia da folga de transportes, a supertaxa, a nova baixada de prezos imposta polas industrias, a negativa do Ministerio de Agricultura a crear un gasóleo agrícola profesional libre dos abusivos impostos que gravan os carburantes, ou a falla de apoios ante as perdas da seca e as xeadas pola teima do Goberno central en excluír a Galiza das axudas para paliar estes danos.

Esta manifestación leva dous meses organizándose, e apoiará dende Galiza as protestas globais que se están a desenvolver contra a Organización Mundial do Comercio (OMC) que, nestes intres, está negociando en Xenebra (Suíza) a liberalización dos mercados agrarios. Neste contexto, organizacións agrarias de Suíza, Austria, Italia, Francia, Bélxica, Dinamarca, Alemaña e Holanda, xunto ao Sindicato Labrego, puxéronse de acordo para iniciar mobilizacións este 19 de outubro esixindo un prezo mínimo para o leite en Europa que garanta unhas rendas dignas para as explotacións.

As mobilizacións fixéronse coincidir coas negociacións que se están a levar no seo da OMC porque, de saír adiante a liberalización dos mercados agrarios internacionais que se está a negociar, arruinaranse millóns de familias labregas en todo o mundo. Dende o punto de vista galego, os acordos da OMC son unha grave ameaza que pode levar á destrución dun sector lácteo galego que, ademais das constantes agresións, segue a sufrir unha reconversión brutal por mor das políticas agrarias impostas dende a Unión Europea.

Neste senso, ademais da manifestación do mércores, o Sindicato Labrego enviou unha comitiva a Xenebra para apoiar as protestas que están levando a cabo colectivos sociais de toda Europa, e para participar no deseño de estratexias conxuntas de oposición ás políticas da Organización Mundial do Comercio.

Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego