Skip to main content

Medio Rural e o SLG coinciden en marcar como prioridade do sector lácteo acadar unha renda digna para as explotacións galegas

O Seminario “O sector lácteo no Estado español: presente e futuro”, organizado polo Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), comezou a súa andadura cun acto emotivo de inauguración a cargo da Secretaria Xeral do SLG, Lidia Senra, e o Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.
Ambos coincidiron en salientar que o sector lácteo galego se atopa nunha conxuntura especial por mor dos cambios políticos acaecidos na Galiza nos últimos tempos. Neste senso, Suárez Canal adiantou cales ían ser as accións inmediatas da súa Consellaría para virar a tendencia crítica dos últimos anos no agro. En primeiro lugar, o Conselleiro adiantou que a ordenación da superficie agraria ía ser unha prioridade e que, para iso, xa se está ultimando un proxecto que se fará operativo no 2006 e que permitirá ás explotacións reducir os custes de produción propiciando o incremento da súa base territorial; Canal criticou que se “siga producindo esa aberración de que leiras e praderías se estean a forestar hoxe con fondos europeos”. Outro dos eixes da política láctea da nova Xunta vai ser o diálogo. Así, o Conselleiro de Medio Rural adiantou en primicia que, a finais de mes –probablemente o 29 de novembro-, se vai convocar a mesa do leite coa intención de establecer un marco permanente de diálogo.


Pola súa banda, Lidia Senra advertiu dos máximos retos aos que se vai enfrontar o sector lácteo galego en breve: a aplicación do desligamento das axudas ao sector lácteo, cos impactos inevitábeis que vai provocar; e as consecuencias na organización común de mercado do leite que poden traer as negociacións que se están a producir no seo da Organización Mundial do Comercio (OMC).

Como anécdota do acto inaugural quedou o recoñecemento do Conselleiro á traxectoria histórica do Sindicato Labrego Galego e a “débeda de gratitude cara a esta organización agraria polo esforzo de moitos anos en defensa do medio rural, da valorización das nosas producións e, en concreto, do sector lácteo”. Senra tamén destacou a participación de Suárez Canal, pois só nun acto, nas máis de tres décadas dende que se fundou o Sindicato Labrego, se chegou a contar coa participación dun Conselleiro.


En canto ao seminario, durante a mañá desenvolveuse unha mesa redonda baixo o título “¿Que políticas cómpre establecer para manter as explotacións leiteiras?” na que participaron o director xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Xunta, Antonio Oca; o subdirector de Vacún e Ovino do Ministerio de Agricultura, Antonio Fernández de Vinuesa; o responsábel dos sectores gandeiros do SLG, Xabier Gómez Santiso; e Silvia Crespo, do gabinete técnico de gandería de COAG, que substituíu a Gaspar Anabiturte.

Oca ampliou a exposición de Suárez Canal, e destacou a importancia de iniciar políticas activas de mobilidade de terras para solucionar o problema da base territorial das explotacións. O director xeral criticou que o modelo agrario que se fomentou nos últimos anos deu como resultado explotacións de corte intensivo moi dependentes de insumos, maquinaria, investimentos; que viraron en explotacións fortemente endebedadas, cunha grande dependencia enerxética, e obrigadas a pór en práctica prácticas agronómicas negativas para o entorno como sementar millo seguido na mesma leira e abandonar a tradicional rotación de cultivos. Neste senso, o acceso das explotacións lácteas a máis terra propiciaría unha diminución dos custes ao poder producir boa parte da alimentación que necesita o gando. En canto a mellorar no tema dos prezos, Oca afirmou a necesidade de apostar por valorar unha materia prima coma o leite a través da súa transformación: queixos, iogures, etcétera, que é unha das materias pendentes da industria láctea galega.

>
En boa parte da postura de Oca coincidiu tamén Xabier Gómez Santiso. A maiores, o responsábel dos sectores gandeiros do SLG fixo unha dura crítica ás relacións de compravenda no mercado lácteo e á desidia da Administración ata o de agora. Santiso afirmou que o mercado lácteo é totalmente opaco e falto de transparencia, que os produtores non poden elixir a quen se lle vende o leite, e que nunca se sabe o prezo ao que se vai pagar non intre da venda. Contra isto demandou que se fagan controis, que haxa negociacións para fixar un prezo mínimo do leite e, se é necesario, que este se garanta a través de contratos homologados.

Pola súa banda, de Vinuesa gabou o Plan de Reestruturación do Sector Lácteo levado a cabo polo Ministerio de Agricultura, e non puido asegurar que se volvese repetir no 2006.

Xa pola tarde, baixo o título “Análise da situación dos productores e productoras de leite no Estado Español”, falaron o Secretario Xeral de COAG de Asturias, Marino Fernández Pérez; o técnico responsábel do sector lácteo da Unión de Gandeiros e Agricultores de Euskadi (EHNE), Alberto Llona Uribe; e a produtora de leite e membro da Executiva do SLG, Carme Porca. Pechou a xornada Xosé Ramón Cendán, que como membro das executivas do SLG e da Cooordinadora Labrega Europea (CPE), analizou as perspectivas de futuro para o sector lácteo en Europa no marco da Organización Mundial do Comercio (OMC).

Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego