Skip to main content

O Igape apoia a promoción de produtos galegos en feiras que se desenvolven en Alemaña, China, Estados Unidos, Xapón e Polonia

No caso de Alemaña, o Igape apoiará a presenza galega en feiras especializadas en alimentación (produtos lácteos e produtos conxelados), compoñentes de automoción e tecnoloxías, compoñentes e elementos para a construción.

No caso de China, o Igape facilitará a participación de empresas galegas en feiras de compoñentes de automoción, por unha parte, e de alimentación e bebidas, por outra. En Xapón, mentres tanto, facilitarase a participación nunha feira especializada en pescado, marisco fresco e conxelados, e noutra do sector audiovisual.

En Estados Unidos, o apoio do Igape irá orientado a facilitar a presenza de empresas galegas nunha feira do sector audiovisual (American Film Festival) e nun encontro especializado en alimentación e bebidas. E, finalmente, en Polonia, as empresas galegas de alimentación ou bebidas tamén poderán contar co apoio e asistencia do Instituto para asistir a unha feira especializada neste ámbito.

Aos eventos xa programados, poderán incorporarse novas feiras internacionais nos próximos meses, novidades que será posible consultar no eido reservado para internacionalización na web do Igape, onde tamén se pode consultar información adicional sobre as feiras previstas polo de agora e as datas límite para as correspondentes inscricións.

O Instituto organizará unha axenda de entrevistas paralela á feira para cada unha das firmas participantes, e poderá colaborar coas empresas no seguimento dos contactos iniciados na feira onde participaron.

As empresas interesadas poden solicitar máis información sobre esta iniciativa no correo electrónico internacionalización@igape.es ou nos teléfonos 981 541128/81.
Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía da Xunta de Galicia)