Skip to main content

Presentada a Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar 2006

Cando no ano 1991 nacía a Iª feira de Mostras de Burela, como cristalización dunha idea da Asociación de Comerciantes Industriais e Autónomos da nosa localidade onde estiveran representadas as actividades económicas da zona, destacouse sobre todo, a importancia do sector pesqueiro e do mundo do mar no desenvolvemento socioeconómico non tan só de Burela senón tamén de toda a nosa Comunidade Autónoma.

É no ano 1994 cando ten lugar a primeira edición do salón monográfico EXPOMAR, ofrecendo dúas importantes novidades: o seu carácter monográfico e a extensión da súa cobertura ó ámbito internacional.

Sendo a pesca o motor base da nosa economía, e tendo en conta o interese amosado polos profesionais do sector, non é de estrañar que a idea de darlle á feira un carácter especializado tomara forma.

Varios anos despois, comprobamos como EXPOMAR se foi consolidando pouco a pouco, para converterse hoxe nunha das feiras monográficas con máis proxección, e nun punto de encontro necesario para os profesionais do sector mariño.

Dentro deste contexto nace o 22 de maio de 1998 a FUNACIÓN EXPOMAR, a cal vén significar un marco institucional seguro e rigoroso para o estímulo, promoción e desenvolvemento do mundo do mar.

Este é un proxecto que nace do convencemento, xa demostrado, de que se pode ir máis lonxe abarcando a organización de toda unha serie de eventos ligados ós intereses dun sector en permanente evolución.

Deste xeito, a Fundación Expomar foi clasificada como de interese náutico-pesqueiro por Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 21 de xullo de 1998 (D.O.G. nº 145, do 29 de xullo) e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 28 de outubro de 1998 (D.O.G. nº 220, do 12 de novembro) figurando inscrita co número 1998/13.

É obxectivo xeral desta Fundación a promoción e o desenvolvemento do sector náutico-pesqueiro. A nivel particular organiza un amplo conxunto de eventos coincidentes sempre cos intereses do sector mariño, que pasan pola súa promoción, formación e información, pola actualización de coñecementos e avances tecnolóxicos como base da mellora da súa competitividade, e pola realización de toda clase de actividades que serán necesarias para os fins pretendidos.

É por todo isto que ó longo do ano a Fundación organiza unha serie de actividades que van desde conferencias e cursos específicos para unha maior formación do noso sector mariño (o cal, en definitiva, vertebra a economía da nosa comarca), a actividades complementarias como Campionatos de Pesca, Vela, etc, e Xornadas dedicadas a comercializadores do peixe, restauradores, exportadores e, en definitiva, a tódalas persoas relacionadas dalgunha maneira co mundo do mar.

Sen embargo, se tiveramos que destaca-la actividade máis importante que a nosa fundación aborda, entrariamos de cheo en EXPOMAR, Feira Monográfica Náutico-Pesqueira que este ano terá lugar na nosa localidade de Burela os días 23, 24, 25 y 26 de marzo.

EXPOMAR, como feira profesional do sector, converteuse nunha plataforma de comunicación entre a Administración, os empresarios do sector mariño e os profesionais que traballan nel; e deste xeito, pretende acadar unha maior conciencia e sensibilidade sobre o mundo do mar, potenciando o seu afianzamento como marco creador de emprego e desenvolvemento socioeconómico.

Obxectivos

Expomar, Feira monográfica dos sectores náutico e pesqueiro, pretende ser unha plataforma de comunicación entre a administración, os empresarios do sector mariño e os profesionais que traballan nel, para deste xeito acadar maior conciencia e sensibilidade sobre o mundo do mar, potenciando o seu afianzamento como marco creador de emprego e desenvolvemento socioeconómico.

Con este interese nace EXPOMAR, que ten como obxectivos:

I. Ser o transmisor das novas tecnoloxías do mercado mediante a exposición e concentración das empresas do sector mariño.
II. Potencia-la comercialización dos productos do mar, sexa fresco ou con valor engadido (conservas, elaborados, etc.).
III. Estímulo do Salvamento Marítimo en torno ó establecemento de medidas de prevención, seguridade e previsións de futuro.
IV. Potenciación da comunicación e da información no mundo do mar.
V. Creación dun Foro de Debate ó traveso dunhas Xornadas Técnicas que xeren formación e información dos sectores implicados.
VI. Fomento da relación entre a Administración con competencia no sector náutico-pesqueiro e os profesionais dedicados a el.
VII. Ser un elemento motivador da creación de novas infraestructuras e servicios.
VIII. Promoción do Deporte Náutico como actividade de ocio continuada e estructurada.
IX. Análise, planificación e promoción do Turismo na zona, e do turismo náutico en particular, así como das actividades complementarias ó mesmo.
X. Apoio ás iniciativas en favor do desenvolvemento do sector náutico-pesqueiro e ás actividades náutico-deportivas de calquera entidade da Mariña.
Catalina Sánchez Luengo (xerente de Expomar)