Skip to main content

A cantante Rosario abre as festas do San Froilán 2006

A noticia foi dada a coñecer pola Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo. A artista presentará en Lugo o seu último disco, o oitavo da súa carreira, Contigo me voy. “Empezamos moi ben”, dixo a Concelleira con respecto ós festexos que estrearán a denominación de Festas de Interese Turístico Nacional.

Concepción Burgo explicou que o Concello estuda varias ubicacións para os concertos e está a buscar un novo escenario para acoller este tipo de actuacións que reúnen a milleiros de persoas. Tamén confirmou que desde a Concellería estanse a contratar outros artistas nestes momentos: “Estanse pechando outras actuacións fortes”, dixo Burgo.

Sobre a gratuidade dos espectáculos, o Concello analiza a posibilidade de establecer prezos económicos para algunha actuación concreta. De todos os xeitos, e á espera de que haxa unha decisión en firme, a maioría dos concertos serían gratuítos. Os motivos de sopesar esta cuestión son que algúns artistas de grande sona non queren actuar en aforos gratuítos e, ó mesmo tempo, a política do Concello segue a ser ofrecer un gran número de concertos de grande calidade, polo que o financiamento é complicado nalgún caso. “A xente preferirá que veñan cobrando que que non veñan”, explicaba a Concelleira.

A responsable de Cultura e Turismo adiantou que o 1 de xullo comeza o programa de visitas teatralizadas do Concello de Lugo, unha iniciativa con grande éxito que comezou o pasado verán.

O espectáculo presentará varias novidades e ofrecerá unha combinación da historia, a cultura e o patrimonio da cidade. Concepción Burgo explicou que, como novidade, os hoteis da cidade tamén venderán este ano as entradas para as visitas, polo que agradeceu o apoio da iniciativa privada.
Gabinete de Comunicación do Concello de Lugo