Skip to main content

Innovación e Industria achega 60.000 euros ao Festival de Pardiñas

Como cada ano dende hai vintesete a Asociación Cultural Xermolos organiza o festival de Pardiñas baixo o título Feira e Festa da Música e da Arte, e conta coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. O festival foi presentado en Santiago, nun acto no que participaron o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Eguibar, e responsables da Asociación Cultural Xermolos, organizadora do festival. A consellaría achegará 60.000 euros para a organización do certame, que conta cun orzamento total de 150.000 euros e que segundo salientou Fernando Blanco “naceu do pulo da xente, asentándose ano tras ano mesmo sen axudas oficiais”.

Durante a primeira fin de semana de agosto, Guitiriz acolle dous días de actividades culturais. Malia que a música é o prato forte, o festival ábrese a todas as arte. De xeito simultáneo, desenvolveranse eventos en espazos diferentes.

Así, a Casa das Artes de Pardiñas acolle o sábado 5 de agosto ás catro da tarde a apertura das exposicións de pintura, escultura, fotografía e cerámica que se celebran con motivo do festival. Haberá, tamén, unha mostra do Certame de Debuxo Infantil. No mes de San Xoán convocáronse premios de pintura e de cerámica e o fallo dos premios producirase durante o festival. As obras expoñeranse eses días en Pardiñas e no mes de agosto na Casa das Palabras de Guitiriz.

Ás cinco da tarde do sábado, abrirase a XIII Mostra de Artesanos de Instrumentos de Música Tradicional. Na sede da mostra Mini e Mero da Quenlla pronunciarán o pregón desta exposición e Luís Caruncho e mais Benito do Rosal interpretarán regueifas. Debido a que varios dos artesáns que acoden á mostra son tamén intérpretes dos seus instrumentos, produciranse in situ concertos de grupos espontáneos. A celebración deste evento inclúe tamén seminarios e obradoiros sobre danza tradicional, historia de instrumentos ou afinación da palleta.

De nove da noite ata as catro da mañá no palco do certame actuarán cinco grupos de música: os galegos ITH e Ruxe-Ruxe; os marroquís Basidou; os belgas Ialma; e os guineanos N’Faly Kouyaté e Dunyakan.

Segunda xornada do encontro artístico e musical

O segundo día do festival abrirase a Feira de Libros de Xermolos ás once da mañá, así como as exposicións de artesanía, da Casa das Artes, e a mostra de artesáns de instrumentos. O escenario estará libre para a actuación de grupos espontáneos. A media mañá darán comezo un seminario de música tradicional e outro de xogos sonoros. Antes do xantar actuará a Coral de Xermolos na Igrexa de Santo Domingo. Durante toda a tarde poderán actuar no escenario músicos espontáneos.

Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda darán no palco do festival o pregón do mesmo e escritores e creadores entregarán lotes de libros como premio do XXVII Certame Terra Chá de Literatura e Debuxo Infantil. Os Campantes da Baña actuarán no marco da mostra de artesáns e seguidamente, ate o comezo do segundo festival, o escenario estará de novo aberto a músicos espontáneos.

Xa como colofón do encontro, ás dez da noite dará comezo o segundo festival de música, no que actuarán os galegos Lelía e Trópico de Grelos, os portugueses Uxu Kalhaus e os vascos Korrontzi.

O cartel desta edición do festival, que pronto anunciará nas rúas de Galiza esta ineludible cita de verán, é unha creación da pintora de terras do Ulla Esperanza Lema.









Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia