Skip to main content

BIC Galicia impulsa a internacionalización das Pemes do sector acuícola cun encontro que se celebra en Vilagarcía en setembro

Fomentar as relacións comerciais e a transferencia tecnolóxica entre Pemes do sector da acuicultura de Europa e América Latina, así como impulsar a internacionalización das empresas galegas, son os principais obxectivos do “Encontro Internacional de Negocios sobre Tecnoloxías e Procesos na Acuicultura Mariña e Continental”, promovido por BIC Galicia, sociedade dependente da Consellería de Economía e Facenda.

O evento, que se desenvolve no marco da “II Feira Internacional de Acuicultura, ACUI 2006”, funciona como un punto de encontro entre empresarios do sector acuícola a nivel internacional. Sesenta empresas de Arxentina, Chile, Honduras, Colombia, Brasil, Italia, Grecia, Bélxica e España participarán nas reunións.

As empresas interesadas en participar neste encontro empresarial internacional, que ten lugar en Vilagarcía de Arousa entre os días 6 e 7 de setembro, poden inscribirse aínda na páxina web propia do evento, www.bicgalicia.es/interacui2006.

Rondas de negocios

Estas rondas de negocios permitirán aos participantes contactar con outras pequenas e medianas empresas do sector, tanto produtores como empresas auxiliares, segundo os intereses comerciais de cada unha delas, así como negociar distintas posibilidades de cooperación técnica e comercial, servindo de ponte excepcional entre profesionais de ambos continentes. Acordos de representación de distribución, investimentos, accións de compra-venda de produtos, transferencia de tecnoloxía, acordos de produción ou alianzas estratéxicas son algúns dos negocios que se poderán xerar a través destas rondas que terán lugar no stand que BIC Galicia terá no recinto da feira. O Encontro pecharase o día 8 de setembro cunha visita técnica a empresas do sector.

A maior feira do sector a nivel internacional

Está previsto que a “II Feira Internacional de Acuicultura, ACUI 2006” sirva de punto de encontro para empresarios de 36 países, converténdose na feira máis importante do sector da acuicultura a nivel internacional.

Este Encontro está promovido por C.E.E.I. Galicia, S.A. (BIC Galicia), o Igape, e a Consellería de Pesca –coa colaboración de Planner&Proceltha-Aquabusiness, o CETMAR, o Clúster de Acuicultura de Galicia e o Instituto Oceanográfico de Vigo- e conta co apoio da Unión Europea a través do Programa AL-INVEST de cooperación empresarial.

Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía-Xunta de Galicia)