Skip to main content

O Porriño celebra o domingo 1 de outubro a XIIIª Festa dos Callos na que se preparan máis de 10.000 racións

A partir das 11 da mañá serviranse as máis de 10.000 racións que se van preparar este ano. Ás 12:30 terá lugar a lectura do pregón, a cargo de Javier Rodríguez, membro da Policía Local e campión de Europa de ciclismo de Policías e Bombeiros. A festa está organizada polo Concello do Porriño, coa colaboración de Frigolouro, a Asociación Cultural San Xurxo de Mosende.

O alcade do Porriño, Raúl Francés, presentou esta celebración, acompañado pola concelleira de Festas, Josefa Sío Lourido, o alcalde de Salceda de Caselas, José Manuel Fernández, o xerente de Frigolouro, José Luis Martínez, o cociñeiro Alejandro Alonso, o presidente da A. C. San Xurxo de Mosende e o pregoeiro.

A Festa dos Callos porá o peche gastronómico ás Festas do Cristo. Desde as 11 da mañá serviranse racións de callos nunha cazola de barro, con taza de viño e pan elaborado polos panadeiros do Porriño, todo por un prezo de 5 euros. Para aqueles que queiran levar callos para casa, haberá tickets a 3 euros, que non incluirán pan, cazola e taza de viño. As racións para levar para casa serviranse dende as 9 da mañá.

O alcalde, Raúl Francés, agradeceu a presenza do rexidor de Salceda, que comparte do Porriño a festa dedicada aos callos. Tamén agradeceu ao xerente de Frigolouro a colaboración desta empresa, unha das máis importantes do municipio. A concelleira Josefa Sío destacou que se agarda que un ano máis siga medrando o número de persoas que se achegan ao Porriño a degustar os callos no primeiro domingo de outubro.

O cociñeiro de Frigolouro, Alejandro Alonso, explicou que na preparación dos pratos vanse empregar 1.100 kilos de callos, 600 kilos de pata de terneira, 1.200 kilos de garabanzos, 140 de lacón, 160 de chourizo e o sofrito correspondente. Os callos prepararanse dende a noite anterior, e a media noite haberá unha degustación gratuíta.

A festa estará animada pola música das charangas Anchoa e Ponteses das Pontes, do grupo folclórico Os Penediños de Atios e o grupo de gaitas Os Zoqueiros do Porriño. Pola tarde continuará a animación a partir das 6 da tarde coa charanga Anchoa, Picompé e cabezudos. Ás 7 e media, a Banda de Música Municipal do Porriño e a Coral Os Penediños de Atios ofrecerán un concerto no Círculo Recreativo Cultural, no que presentarán unha canción composta polo vicepresidente dos Penediños dedicada aos canteiros.

A verbena da noite estará protagonizada pola orquestra América e a Banda de Música Municipal de Ribadumia. A tirada de bombas ás 2 da mañá porá remate ás Festas do Cristo de 2006.
Moisés Álvarez Jorge (Responsable de Prensa do Concello do Porriño)