Skip to main content

O pregón de Susana Seivane e o concerto de Rosario nunha praza nova arrincan as festas San Froilán 2006

O tradicional pregón marcará o inicio das festas do San Froilán 2006, uns festexos nos que participaron o ano pasado 400.000 persoas. Na edición deste ano, a gaiteira Susana Seivane –moi vinculada á Lugo desde nena- será a responsable de ler o pregón desde o balcón da Casa Consistorial. O acto, que terá lugar este mércores ás 20:30 horas, rematará coa irrupción das míticas personaxes do San Froilán: Pelúdez e Familia, que ofrecerán o seu espectáculo con sorpresas na Praza Maior a partir das 20:45 horas.

Os actos oficiais, programados para este día de inauguración dos festexos, continúan ás 21:15 horas coa apertura da porta do Cárcere da Muralla, que correrá a cargo dun representante da Unión Xeral de Traballadores de Lugo.

A cantante Rosario abrirá o ambicioso programa de concertos gratuítos. Na Praza Nova de Ramón Ferreiro, estreando escenario, a artista presentará o seu oitavo disco Contigo me voy. A partir das 22:00 horas, o público gozará da arte da “pequena dos Flores” que achega un álbum cheo de inspiración e de forza, resultante da incursión en distintos estilos e do afondamento nas súas experiencias vitais que marcaron a súa traxectoria persoal. Ademais, contou para estas once cancións coa inestimable colaboración de músicos tan recoñecidos como Antonio Vega, Amparanoia, John Parsons ou Juan Maya entre outros.

A música protagonizará esta noite de estrea coa verbena que ofrecerá a orquestra Jerusalén na Praza Maior dende as 22:30 horas. Por outra banda, as rúas estarán animadas polas charangas Os Centellas e o Gran Polbo Xigante que percorrerán o centro histórico a partir das 00:00 horas. Á mesma hora, no patio do edificio administrativo do Concello, comezará o concerto dos grupos lucenses Holywater e Ocean’s Garden, que deleitarán ao público co seu repertorio.

Por outra banda, dentro do programa das actividades deportivas, ás 21:00 horas terá lugar o encontro correspondente á xornada da Liga Nacional de fútbol sala entre o Azkar Lugo e o Guadalajara no Pavillón Municipal. Os interesados en asistir poderán retirar invitacións na caseta de información do San Froilán, situada na praza Maior, ou nas instalacións das piscinas municipais das Pedreiras e de Frigsa.
Concello de Lugo