Skip to main content

Touriño aspira a que o proxecto da Cidade do Mar converta a Vigo na capital europea da innovación e o I+D mariño

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o seu Goberno aspira a que o proxecto da Cidade do Mar, que a Xunta está a impulsar xunto coas universidades e o Estado, converta Vigo na capital europea da innovación e o I+D mariño. O presidente dixo agardar que este proxecto dote a Vigo de prospección e visibilidade internacional, propiciando así novas oportunidades de desenvolvemento e consolidación de Galicia como marco de referencia nas actividades de investigación marítima.

Así o expuxo o xefe do Executivo galego na súa visita á feira Conxemar, á que definiu como un foro importantísimo para crear actividade, intercambiar ideas e establecer e desenvolver novas liñas de produción e proxectos no ámbito da transformación dos produtos do mar.

O máximo mandatario galego salientou que a Xunta de Galicia está a avanzar nunha “dirección clara” para potenciar o papel da cidade olívica no ámbito pesqueiro e lembrou que se está a traballar para conseguir que o porto vigués responda ás esixencias urbanísticas de ocio e servizo, ao tempo que se amplíe a súa capacidade de carga.

Neste sentido, remarcou que o goberno que preside está a acelerar a execución da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves, que permitirá que en dous anos e medio o porto vigués conte cun espazo que lle permita “o desenvolvemento de toda a capacidade que pode ter e aspira a ter”.

“Vigo debe aspirar a ser a cidade do mar, a capital do mar. Por iso estamos a pór en marcha un proxecto que aspiro a que sitúe Vigo como capital da investigación mariña de Galicia e España, con proxección e visibilidade internacional, propiciando novas oportunidades de desenvolvemento, para que Galicia se consolide como marco de referencia internacional nas actividades de investigación mariña, na competencia en I+D marítimo e na converxencia dos obxectivos públicos e privados”, explicou o presidente.

A este respecto, remarcou o compromiso do convenio asinado entre a Xunta e o Ministerio de Ecuación e Ciencia, xunto co CSIC e as universidades, para pór en marcha o proxecto do Centro Atlántico de Investigación Mariña, ao que confía que se sumen o Concello e os axentes sociais e económicos da cidade. Pérez Touriño explicou que este centro servirá de plataforma para o traballo conxunto de o CSIC e as universidades galegas, así como dos centros científicos dependentes do Goberno galego.

Xunto con isto, o xefe do Executivo autonómico confirmou que Vigo terá a base atlántica dos buques de investigación oceanográfica e mariña, o que converterá a cidade “no centro neurálxico da investigación oceanográfica europea no ámbito atlántico”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia