Skip to main content

A Consellería de Pesca participa en París na Feira Internacional de Alimentación: Sial 2006

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa na XXII edición da feira alimentaria Sial 2006, The Global Food Marketplace, que se celebra en París. O departamento que dirixe Carmen Gallego presentou neste encontro mundial un stand institucional de 310 metros cadrados no que se inclúen 16 coexpositores, na súa maioría do sector conserveiro galego, e no que se desenvolverán diversas degustacións. Con esta instalación, Pesca pretende promocionar e dar a coñecer os produtos galegos da pesca nunha das feiras de alimentación máis importantes do mundo.

O director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, Xosé Manuel López, acudiu á inauguraciáon desta mostra internacional en representación da Consellería de Pesca. Xosé Manuel López visitou as instalacións dos empresarios galegos do sector presentes na feira, cos que mantivo diversos encontros ao longo dos dous días que estivo en Sial 2006.

O salón parisino convértese, cada dous anos, nun escaparate exhaustivo da oferta agroalimentaria mundial. Deste xeito, a mostra supón unha ocasión única para atoparse con máis de 136.000 empresarios de todo o mundo que acoden a esta cita principalmente para contactar con novos proveedores e descubrir novos produtos. Así, este ano, un total de 5.256 expositores de 99 países participan na feira amosando 15 categorías diferentes de artigos de alimentación, entre os que se atopan os produtos do mar, as conservas ou o mundo dos conxelados. Sial é considerado tamén como un observatorio das tendencias de consumo mundiais, en harmonía cos grandes retos do mercado globalizado.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia