Skip to main content

O director xeral para o Deporte destaca a necesidade de unir esforzos para conseguir que o sector da náutica siga medrando

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, destacou, no transcurso da presentación do Salón Vigo Náutica Internacional 2007, a necesidade de xuntar esforzos para conseguir que o sector da náutica siga medrando.

Domínguez indicou que, ata agora, “se está traballando dende os diferentes sectores de forma individual, pero para conseguir que o sector da náutica ocupe o lugar que merece, debemos traballar unidos e coordinados dende todas as administracións”. Sobre todo, porque ao entender do director xeral para o Deporte, a ría de Vigo reúne todas as condicións para “converterse no maior parque de servizos náuticos-deportivos da Europa Atlántica”.

Desta forma, a Dirección Xeral para o Deporte organizará o Foro NáuticAtlántica 2007, ao amparo do Salón que se celebrará en Vigo a comezos do mes de marzo, no que se reunirán expertos de toda Europa para tratar sobre a náutica deportiva e as súas necesidades e estudar as posibilidades que ten Vigo de converterse no maior parque de servizos náutico-deportivos da Europa Atlántica”.

O máximo responsábel do Deporte Galego tamén destacou a consolidación desta feira –“o presente está asegurado tal e como demostran os resultados”- e insistiu na necesidade de traballar pensando no futuro e intentando aproveitar todo o potencial que posúe a ría de Vigo para o sector náutico, “sempre e cando todas as administracións sexamos quen de ir da man”.

Brest 2008.

Ademais, na feira viguesa que foi presentada, tamén estarán presentes representantes de Brest 2008, festival ao cal foi invitada Galiza por primeira vez como país invitado. Recentemente a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asinou o convenio de colaboración con Brest polo cal Galiza converterase no invitado de honra de dito festival marítimo, que reúne a milleiros de persoas e embarcacións tradicionais nesta fermosa localidade da bretaña francesa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia