O IGC recomenda revisar a seguridade das máscaras e perrucas de entroido

Por outro lado, hai unha serie de recomendacións en relación aos requisitos mínimos de seguridade que debemos verificar cando merquemos artigos deste tipo e máis concretamente máscaras que cobren toda a cara e que estean fabricadas con material impermeable xa que poden ocasionar accidentes. Así, terase en conta que deberán dispor dun área de ventilación suficiente (mínimo de 1300 mm2). Esta área pode distribuírse nun só orificio, como por exemplo a boca, ou en varios separados (ollos, nariz, etc.). Neste caso, a separación entre eles será de polo menos 15 cm.
Especial atención prestarase no caso de que as máscaras ou caretas vaian ser utilizadas por nenos. Os pais deben valorar a idoneidade da careta ou máscara en función da idade ou das características do neno ou nena, aseguraranse de que a súa utilización sexa adecuada, que as máscaras non teñan arestas cortantes e que se adapten ao tamaño da cara. Por último, O Instituto Galego de Consumo recorda aos comerciantes que son responsables dos produtos que venden así que eles teñen que asegurarse de que os produtos que poñan á venta respondan a criterios de seguridade.
Por outra banda, dende o pasado mes de xaneiro, o Instituto Galego de Consumo está a desenvolver unha campaña de control da seguridade das máscaras e perrucas que habitualmente se empregan nestas datas. Os riscos que se analizarán nestes produtos son fundamentalmente os de asfixia e a posibilidade de se produciren queimaduras, polo que se determinarán, asemade do correcto etiquetado, as características construtivas e funcionais e a inflamabilidade no caso das máscaras que cubran toda a cabeza e non só a cara, e que leven ademais cabelos, barbas ou outros elementos pilosos susceptibles de poderse incendiar.
Como sempre nestes casos, de se detectaren produtos perigosos ou inseguros, serían incluídos na Rede da alerta para proporcionar unha rápida información sobre os seus riscos a tódolos países da UE e posibilitar a súa retirada do mercado.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia