Skip to main content

Pesca promove a internacionalización das empresas galegas na Seafood

O director xeral de Estruturas e Mercados da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, José Manuel López Rodríguez, asistiu á primeira xornada da European Seafood Exposition de Bruxelas onde participa Galicia como un dos referentes destacados no sector pesqueiro internacional da man da Consellería de Pesca. No marco da feira, o director xeral inaugurou o encontro empresarial internacional Eurofish que reunirá ata mañá a 170 empresas do sector pesqueiro de América Latina e da Unión Europea e presentou un novo directorio profesional de empresas en cd-rom.

A rolda de negocios Eurofish está enmarcada no programa comunitario Al-invest Plus e ten como obxectivo incentivar os lazos comerciais a ambos os dous lados do Atlántico. Ademais, conta co cofinanciamento da Unión Europea e da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a través dun convenio de colaboración ratificado pola conselleira, Carmen Gallego
Calvar, en razón do interese que ten para un sector estratéxico na economía galega como é o pesqueiro.

A acollida das empresas de Galicia a esta iniciativa foi moi boa, xa que das 72 españolas participantes, un total de 44 son galegas. Pero tamén a nivel internacional o interese das firmas pesqueiras por participar neste encontro é destacable; así, das 170 que participan no encontro, 115 corresponden a empresas da UE (España, Francia, Alemaña, Italia ou Grecia) e 55 a corporacións latinoamericanas (Arxentina, Chile, Uruguai,
México ou Perú).

Durante os dous días de duración de Eurofish, que dispón dun stand propio de 280 m2 na Feira Internacional de Pesca de Bruxelas, xestionarase unha axenda de contactos comerciais de máis de 600 encontros entre empresas. Isto suporá o colofón a un ano de actividade dos xestores do foro de negocios, que foron analizando as características da oferta e a demanda
para ir conciliando os intereses de todos os participantes.

Ao longo do día, José Manuel López Rodríguez, tamén presentou no
pavillón de Galicia na European Seafood Exposition, onde se sitúa o stand de exposición da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, o novo e actualizado directorio profesional de empresas do sector pesqueiro galego en cd-rom, que promove o departamento que dirixe Carmen Gallego. Esta nova ferramenta dixital suporá unha grande axuda para favorecer as actividades comerciais das empresas de Galicia vencelladas ao mar.

A nova base de datos conta con máis de 700 rexistros de empresas, cuxos epígrafres de contacto foron completamente actualizados para mellorar a interacción das empresas galegas nos mercados nacionais e internacionais. Asimesmo, buscouse dotar a esta nova ferramenta da maior operatividade posible e por iso se organizou a a axenda en categorías, segundo o tipo de actividade: Lonxas, Granxas, Asociacións, Confrarías, Organizacións de Produtores (OPP), Federacións, Frigoríficos, Depuradoras, Cocedeiros, Acuicultura, Conservas, Viveiros, Conxelados Almacenistas, Preparados e Distribución.

Para elaborar esta guía sectorial realizouse unha ampla recompilación de información de distintas fontes relacionadas co mundo pesqueiro da nosa comunidade. O acceso a ela é libre a través da dirección web www.pescagalicia.com e as empresas presentes nela poden mellorar os seus datos dunha forma rápida e sinxela con só acceder a esta páxina.

No acto de presentación o director xeral de Estruturas e Mercados dan Pesca, José Manuel López Rodríguez, destacou a mellora que este directorio supón para o sector, dado que os que se usaban ata este momento non achegaban unha visión clara do mesmo. Tamén animou ás empresas nacionais e internacionais a facer uso deste directorio, posto que nel atoparán o mellor e máis rápido camiño para contactar e facer bos
negocios coas empresas galegas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia