Skip to main content

Cultura leva o libro galego á Feira Liber de Barcelona

A produción editorial galega está presente na feira do libro Líber de Barcelona dentro do expositor organizado pola Consellaría de Cultura e Deporte en colaboración coa Asociación Galega de Editores. Ate o venres día 5, un total de 11 editoriais galegas poderán amosar as súas novidades e establecer contactos con diferentes actores do sector. O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, apoiará coa súa presenza a delegación galega.

As editoriais asistentes no expositor da Consellaría son: Baía Edicións, Faktoría K, Hércules de Ediciones, Alvarellos Editora, Toxosoutos, Edicións Embora, Rodeira-Edebé, Lóstrego, Edicións Positivas, Primera Persona e Edicións Xerais. Por outra banda, outras 3 editoriais galegas participan con stand de seu: OQO, Nova Galicia Edicións e Kalandraka.

De forma paralela á feira, a escritora Teresa Moure impartirá a conferencia "Por unha nova estética da natureza" mañá xoves ás 19.30 horas na Faculdade de Filoloxía da Universidade de Barcelona. Ao día seguinte, Moure dará unha nova charla "Sobre a maternidade no novo milenio" ás 19.30 no Centro de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison.

Pulo á proxección exterior do libro galego

Líber é a segunda cita do calendario de feiras do libro presentado o pasado luns día 1 pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo. A produción editorial galega e as empresas do sector estarán presentes en sete feiras internacionais: Montevideo (Uruguai), Guadalajara (Mexico), Liber (Barcelona), Frankfurt (Alemaña), Habana (Cuba), Bos Aires (Arxentina) e Bolonia (Italia). Ademais, unha delegación galega asistirá por primeira vez á feira de Londres e á Bienal de Rio de Janeiro para realizar un estudo sobre o interese destas feiras para a industria galega e avaliar a eventual asistencia formal das industrias editoriais galegas en edicións posteriores.

Pero especial interese ten a calidade da presenza galega. Será o país convidado e, polo tanto, a cultura con máis relevancia na Feira da Habana. Terá por primeira vez stand de seu na Feira de Guadalajara, o máis importante evento editorial en América Latina e reforzará a súa presenza en Frankfurt, o principal encontro mundial.

Readgalicia.com

Así mesmo, a Consellaría amplía os medios de promoción exterior cun catálogo on-line en galego, inglés e castelán, que se presentará a mediados deste mes na feira de Frankfurt. Readgalicia.com funcionará como unha fiestra permanente á produción literaria galega. Este sitio web é un catálogo de dereitos que ofrece unha selección de case 200 obras da literatura galega actual. As fichas de información sobre as obras inclúen fragmentos coa súa correspondente tradución ao inglés; así como datos útiles para establecer contactos. O obxectivo é que esta plataforma se converta nun lugar de referencia para que empesas editoriais estranxeiras coñezan a produción literaria galega; así como ofrecerlles a información necesaria para que establezan colaboracións coas editoriais galegas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia