Skip to main content

Galicia e Italia abren vías de diálogo en materia de artesanía

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa Souto, mantivo un encontro con responsables da promoción internacional e do sector da artesanía italiana, durante a súa visita á feira de artesanía de Milán, onde Artesanía de Galicia está representada a través dun stand institucional ata o 9 de decembro. Esta reunión supón un primeiro contacto co sector artesán italiano e poderá evolucionar cara a diversas actuacións de intercambio cultural e comercial entre Galiza e as diversas rexións de Italia.

Na xuntanza deuse conta da situación do sector da artesanía en cada país, así como a súa estrutura empresarial e institucional, posto que en Italia o concepto de artesanía é moito máis amplo que en Galiza, xa que abarca o que nós consideramos pequenas e medianas empresas que realizan todo tipo de activades. Neste sentido, a directora xeral de Comercio resaltou o valor da calidade e do proceso de elaboración das pezas de Artesanía de Galicia e do requisito imprescindible do “feito á man”, que garanten os nosos produtos, e que se corresponde cun terzo do sector artesán italiano que eles denominan “artesanía artística”.

Durante o encontro tamén se propuxeron diferentes canles de cooperación que se poderían establecer entre Italia e Galiza en materia de artesanía. Tanto Ana Rúa como os representantes do sector en Italia concluíron que unha das vías máis eficaces de intercambio internacional estaría centrado na realización de feiras de artesanía e na área da formación especializada para artesáns.

Na reunión participaron a directora xeral de Artesanía e Servizos da rexión de Lombardía, Francesca Borgato, co responsable de internacionalización da axencia especial para a promoción da Cámara de Comercio de Milán, Paolo Sachi, co presidente e con outros membros da xunta directiva da Confederación Nacional de Artesáns da rexión de Lombardía, e con representantes da Cámara de Comercio Italiana en Barcelona,así como coa responsable de Artex, a principal asociación de artesanía artística da rexión da Toscana.

A raíz desta reunión, a delegación italiana visitou xunto con Ana Rúa o stand de Artesanía de Galicia en L’Artigiano in fiera e puido coñecer os artesáns que acudiron a Milán baixo o distintivo da nosa marca. Ademais, os representantes institucionais da rexión de Lombardía prepararon unha recepción no espazo da feira dedicado especificamente ao subsector da artesanía artística.

Ana Rúa amosouse satisfeita tras este primeiro contacto co sector e coas institucións relacionadas coa artesanía de Italia e en especial de Lombardía. “Estamos convencidos de que este tipo de actividades contribúen a abrir canles de coñecemento mutuo e, sen dúbida ningunha, contribúen a estreitar lazos de cooperación a nivel internacional que se traducirán nun futuro próximo en actuacións concretas”, sinalou.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia