Skip to main content

Presentado o programa das tradicionais festas do barrio de San Pedro, en Compostela

O que historicamente foi arrabalde, fóra dos límites da muralla, fervedoiro de comerciantes, de pan e de coiro, foi tamén a porta de entrada para quen seguía o Camiño Francés para chegar á Catedral. Nas décadas dos 60 aos 80, acolleu tamén a moitas das familias que deixaban o agro para viren á cidade. Hoxe en día, o Barrio de San Pedro segue a ter ese carácter íntimo e cálido que fai del unha aldea agarimosa, e, ao tempo, porta aberta á diversidade. Persoas de todas as idades, procedencias, gustos e cores conviven neste microcosmos dinámico e participativo.

Programa

As festas comezan o martes 24, coa interpretación a cargo do grupo teatral da Xuntanza d'O florido pensil, de Andrés Sopeña Monsalve, sobre a educación no franquismo. Será nos arcos do Parque de Bonaval, ás 20.30. Xa o mércores 25 ás 12.00 terá lugar unha cata de viños con Vitor Rodríguez no Hotel Restaurante de Bonaval (cómpre inscribirse no 981575147), e ás 22.00, Detour actúan no campiño da Igrexa de San Pedro. O xoves 26 chega a Foliada churrascada no Camiño, onde a música tradicional fará que baile toda a mocidade; será ás 22.00, amenizada polas Cantareiras de Pontecaldelas, os Carunchos e Vai de Baile.

Un día despois, á mesma hora, a mesma praza acolle a Noite do Lastro, concerto para a mocidade con grupos emerxentes de música. Actuarán Labazada, Melech Mechaya e O Sonoro Maxín. Antes, ás 20.00, no auditorio do Museo do Pobo soarán as mellores voces da cidade, no V Encontro de Corais. Á mesma hora, comeza a troula na rúa cos pasacalles e cabezudos, e ás 21.00, as trapecistas de Duelirium desafiarán a gravidade e ao medo no Cruceiro de San Pedro.

Chega a fin de semana, e con ela, os días grandes da festa: ás 11.00, a Rúa de San Pedro péchase ao tráfico e ábrese á xente, na Feira do Barrio, que reúne outra volta artesanía, alimentación, o traballo das asociacións, charangas e malabares. Ás 12.30, o pasacalles e o baile tradicional de Brincadeira amenizan a mañá, e unha hora despois comeza a sesión vermouth no Cruceiro de San Pedro coa orquestra Delirio, que tamén se encargará de animar a noite. A tarde é para a xente miúda: ás 17.00, os cativos e cativas (entre 9 e 13 anos) que o desexen poderán espertar a súa creatividade nun obradoiro de barro na Rúa de San Pedro. Ás 18.30 poderemos gozar da música medieval grazas a Resonet, Paulina Ceremuzynska e Zofia Dowgiallo (no auditorio do Museo do Pobo) e ás 20:00, o Espazo Brasil, na porta do Camiño, permitiranos viaxar a ese país sudamericano. Ás 22.00 estaremos un chisco máis preto das estrelas, coa actividade 'Astronomía na beirarrúa'.

E o domingo, fin de festa, como non podía ser doutro xeito, con pasacalles e cabezudos ás 11.00, a Banda Municipal ás 12.00 no parque de Belvís, o grupo de baile da Xuntanza e a Escola de Pandeireta de Brincadeira na praciña de San Pedro, e, xa ás 13.30, a tradicional romaría no parque de Belvís, coa música dos Estalotes, xogos tradicionais, inchables e moita comida e diversión.

Unhas festas, como o propio barrio, diverso e distinto, para todas e todos.
Asociación Cultural do Barrio de San Pedro