Skip to main content

Comenzan en Uruguai os actos conmemorativos do Mes de Galicia

Comezan en Uruguai os actos conmemorativos do Mes de Galicia, cunha conferencia do escritor Manuel Losa titulada Relatos dun emigrante. O encontro celébrase na sede do Centro Pontevedrés e, posteriormente, entregaranse os premios do concurso de fotografía e relato para nenos. Este é o primeiro dos eventos programados ao longo de todo o mes na capital uruguaia para celebrar o Día de Galicia. Neste contexto, tamén está prevista a inauguración da exposición O Sorriso de Daniel, promovida polo Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Emigración, a Delegación da Xunta de Galicia e a Unión de Sociedades Galegas. Esta mostra achegará ao público as principais características da Galicia actual, a través dunha serie de paneis explicativos con datos da actividade industrial, cultural e social da sociedade galega.

Outro dos puntos fortes desta programación é o desfile de moda galega e uruguaia que se celebrará o 11 de xullo ás 20 horas no ballroom do Hotel Radisson Victoria Plaza. As máis destacadas modelos do país presentarán pezas de diferentes coleccións de moda a total beneficio do Hogar Español de Ancianos de Uruguai. A Delegada da Xunta de Galicia, María Xosé Porteiro García, estará presente neste evento do Mes de Galicia en Uruguai.

O sábado 21 de xullo actuará, por vez primeira en Uruguai, o grupo musical galego Fía na Roca, cun espectáculo de primeiro nivel no Teatro Solís. Tamén neste caso, como no do desfile de moda, a recadación das entradas destinarase integramente ao Hogar Español de Ancianos.

O Día De Galicia, 25 de xullo, ás 12 horas, realizarase unha ofrenda floral ao prócer uruguaio José Gervasio Artigas, na súa estatua ecuestre na Plaza Independecia de Montevideo. Posteriormente, ás 12, 30 horas, realizarase unha homenaxe cunha ofrenda de flores a Rosalía de Castro na Plaza Galicia da capital.

Finalmente, o 27 de xullo realizarase unha misa en idioma galego na Catedral Metropolitana, como broche de fin de festa do Mes de Galicia en Uruguai.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia