Skip to main content

O Comisario Europeo de Pesca visitará Galicia e xuntarase co sector

O Comisario Europeo de Pesca, Joe Borg, realizará a vindeira semana unha visita oficial a Galicia, atendendo á invitación que lle trasladou a Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, o pasado mes de maio nun encontro celebrado entre ambos mandatarios en Bruxelas. Na súa estancia na nosa comunidade autónoma, Borg visitará a lonxa da Coruña e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), ao tempo que manterá diversas xuntanzas de traballo con representantes do sector pesqueiro, entre outras actividades.

Deste xeito, o programa de actos dará comezo o luns, día 6 de outubro,
cunha visita á lonxa coruñesa, onde o Comisario verá as poxas que alí se
realizan e coñecerá as instalacións das que dispón o porto coruñés. A
xornada continuará cunha xuntanza na que será informado do labor que se
está a desenvolver dende a Consellería de Pesca na posta en marcha e
desenvolvemento dos Grupos de Accións Costeira e cunha visita ao Igafa, un centro dependente da Consellería ubicado na Illa de Arousa e que é o único da nosa comunidade autónoma que imparte formación profesional de grao medio e superior de acuicultura e mergullo.

Ao día seguinte Joe Borg desprazarase ata a cidade de Vigo, onde será
recibido polo rexedor olívico antes de reunirse con representantes do
sector pesqueiro e, posteriormente, inaugurará e visitará a X Feria
Internacional de Productos del Mar Congelados (Conxemar) que se celebrará entre o 7 e o 9 de outubro.

A visita de Joe Borg a Galicia, onde estará acompañado pola Conselleira e o seu equipo directivo, responde á invitación que lle trasladou Carmen
Gallego o pasado mes de maio nun encontro celebrado en Bruxelas de
trasladarse ata a nosa comunidade. Esa reunión enmárcase nas xuntanzas que ambos mandatarios celebran anualmente co fin de abordar e analizar os temas que máis preocupan ou que máis atinxen de preto ao sector pesqueiro galego.

Fotografía: archivo GD.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia