Skip to main content

Pesca presenta no Fórum de Cambrils os produtos do mar de Galicia

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa ata o martes, 28 de outubro, no “Fórum do Mar”, que se celebra na localidade tarraconense de Cambrils. Neste certame, considerado un importante punto de encontro para gourmets, amantes da gastronomía e produtores das cociñas do Mediterráneo, o departamento que dirixe Carmen Gallego busca dar a coñecer os produtos artesáns do mar de Galicia, así como a marca de calidade que ampara os produtos da pesca de baixura e o marisqueo que capturan os nosos profesioanis, “pescadeRías, ¿de onde se non?”. Deste xeito, este evento é unha cita obrigada para os profesionais da cociña e o mar e, polo tanto, tamén para os produtores galegos.

Nesta edición, Galicia será o territorio convidado a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, isto fará posible o binomio Mediterráneo-Atlántico. Cambrils e, por extensión, as terras de Tarragona representan o Mediterráneo, mentres que Galicia, cunha grande variedade e riqueza de produtos do mar nas súas costas, representa o Atlántico.

Ademais do stand institucional da Administración pesqueira galega, acoden ao Fórum do Mar unha representación dos produtores artesanais do mar galego, presentando produtos autóctonos e con grande personalidade que veñen de converter a Galicia e a súa produción nun territorio gastronómico de primeira categoría. Este é o caso das Navallas de Aldán, as Volandeiras de Cangas, os Ourizos de Lira, o Polbo das Rías ou os Percebes de Baiona, produtos e produtores que mostrarán neste certame as excelencias da pesca artesanal.

Por outra banda, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos achega aos visitantes e profesionais que asisten a esta cita gastronómica a súa marca “pescadeRías ¿de onde se non?”, marca de calidade para promover, impulsar e valorizar os produtos da pesca baixura e o marisqueo procedentes da nosa comunidade. Os criterios que caracterizan aos recursos mariños amparados baixo o distintivo “pescadeRías” son a orixe galega da pesca artesanal, a garantía dun tempo de desembarco dende a captura non superior ás 24 horas e uns estándares de calidade do produto garantidos. Outro dos obxectivos desta iniciativa consiste na diferenciación do producto galego de alta calidade do foráneo, permitindo aos consumidores estar ben informados sobre o que levan á casa, axudando a evitar o fraude aos compradores.

Degustacións guiadas e clases maxistrais de cociña

Galicia e o seu mar, como convidados do Fórum, terán un especial protagonismo no marco das actividades programadas. Na xornada de mañá, Xosé Cannas, cociñeiro integrante do Grupo NOVE, levará a cabo un espectáculo de cociña en directo, inspirado na tradición e combinando con elegancia ingredientes do mar e da terra coa pretensión de fuxir dos tópicos que rodean á gastronomía galega.

Así mesmo, os visitantes e profesionais terán a oportunidade de degustar os produtos artesanais do mar de Galicia na “Aula do Gusto”; trátase de degustacións guiadas nas que os froitos do mar galego saborearanse acompañados dos mellores caldos autóctonos, actividades todas elas, programadas coa colaboración da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

*Nota de prensa.- Remitímosvos, a través do correo electrónico, fotografías da participación da Consellería de Pesca no Fórum do Mar de Cambrils.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia