Skip to main content

O sector pesqueiro contacta con distribuidores internacionais en Rimini

A participación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos na oitava edición da Mediterranean Seafood Exhibition (MSE) de Rimini (Italia), prevé pecharse na xornada de mañá, último día da feira, cun notable incremento no volume de contactos con distribuidores internacionais. A medio prazo isto pode significar unha maior apertura a novos mercados por parte do sector pesqueiro galego, que se atopa representado nesta feira cunha mostra de asociacións de produtores e empresas galegas vencelladas aos sectores acuícola, transformador e comercializador.

O director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez que seguiu de preto en reunions coas empresas coexpositoras galegas, a evolucion destes contactos calificou como “especialmente interesante que nun escenario económico como o actual, o sector da pesca de Galicia incremente a súa actividade exportadora”. O representante da Conselleria mantivo así mesmo diversas reunións institucionais con comunidades autonomas españolas presentes na feira, como a de Andalucia, na que se abordou a necesidade de xerar sinerxias entre os distintos sectores e territorios, para afrontar o actual debilitamento da economía.

José Manuel López Rodríguez tamén mantivo un encontro cos representantes do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia”, cos que falou do compromiso da Consellería de Pesca de impulsar a promocion dos produtos do mar galegos nos grandes de centros de negocios e nos grandes certames nacionais e internacionais do mundo da alimentación e dos recursos mariños.
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos asiste á MSE de Rimini cun stand de 320 metros cadrados que, ademais de incluír a representación institucional, acolle 14 coexpositores de empresas e asociacións de produtores, que forman unha mostra tanto da industria transformadora e acuícola galega, como do sector pesqueiro e comercializador da nosa comunidade autónoma.

Viaxaron a Rimini, ao amparo do stand da Consellería de Pesca, representantes do sector mexilloeiro, conserveiro e acuícola, así como do conxelado e da comercialización en fresco. De feito, podemos destacar a presenza do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia” e da Asociación de Produtores de Rodaballo de Galicia (Aroga), como asociacións do sector acuícola, ademais de destacadas firmas galegas.

O expositor de Pesca acolle tamén diversas actividades co obxectivo primordial de promocionar os nosos produtos do mar entre os asistentes. Así, estanse a desenvolver degustacións de Mexillón de Galicia, o primeiro produto do mar de Europa que conta cunha Denominación de Orixe Protexida; de rodaballo de cultivo e de produtos da transformación. Ademais, estanse a promover encontros empresariais para facilitar as actividades comerciais das firmas galegas no exterior.

A Mediterranean Seafood Exhibition é unha feira alimentaria, especializada en tecnoloxía e produtos da pesca do Mediterráneo, que conta cunha superficie total empregable de 6.000 metros cadrados. Na edición pasada, o certame foi visitado por máis de 88.000 persoas e contou con 192 expositores de países como Dinamarca, Francia, Marrocos, Bélxica, Reino Unido, Irlanda, China, Hungría, Croacia, Polonia, Rumania, Lituania, Estados Unidos e España.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia