Revólver abre as Festas de Verán 2009 de Ferrol

Vicente Irisarri destacaba tamén a capacidade de xestión da concelleira e do equipo do departamento municipal para configurar un cartel de calidade coa limitación de recursos e necesaria austeridade nun momento de crise. Nesta liña, Beatriz Sestayo indicaba que o orzamento se sitúa nos 278.000 euros, unha cifra moi inferior á do ano pasado, pero que se soubo contrarrestar intensificando as negociacións. Lembrou tamén neste senso que o Concello decidía abrir un proceso de contratación ao que concurriron varias productoras de espectáculos, así como que a Comisión de Festas -na que están representados comerciantes, hosteleiros, veciños e Concello- aprobara por unanimidade a programación tras analizar as propostas presentadas.
Deste xeito, as Festas de Verán se concentrarán, como no 2008, entre o 21 e o 31 de agosto. Todos os días Ferrol contará con espectáculos a pé de rúa, con teatro de títeres, shows circenses, maxia... actividades pensadas especialmente para os máis pequenos da casa. En canto ás actuacións, se irán rotando entre prazas. Principalmente Armas e Amboage e, dependendo da evolución da actuación prevista na praza de España, se incluirá como esceario. Outro dato salientable é que a entrada a cada un dos concertos e festivais será gratuíta, coa excepción de Melendi (o día 24 de agosto, Parque Raíña Sofía). Neste caso, Beatriz Sestayo apuntou que se está a negociar un prezo módico, asequible para o cidadán que, en ningún caso, excederá os 15 euros.
E, por orde, sinalou que o día 21 de agosto, por aclamación popular, chegará Revólver. A banda de Carlos Goñi se sitou entre as principais preferencias dos cidadáns e cidadás que enviaron os seus e-mails ao Concello e, de feito, se mantivo no primeiro posto do ránking ata as últimas semanas, cando foi desbancado por Violadores do Verso, un grupo de hip-hop que actuará ao día seguinte e que conta cun público moi fiel. O día 23 estará reservado para a actuación de grupos locais, aqueles que se presenten ao concurso de maquetas aberto polo Concello baixo a denominación de Sons de Ferrol. Tras o dito concerto de Melendi, a cidade acollerá o espectáculo de Fuxan os Ventos, incluído á súa vez na programación do Xacobeo. A orquesta Olympus, unha das peticións máis reiteradas entre a cidadanía, ofrecerá o seu mellor repertorio o día 26. A banda de pop Nena Daconte se subirá ao escenario o 27, namentras que o grupo galego Som do Galpom, que se sitou nos primeiros dez postos do ránking cidadán, fará o propio o día 28. O rock indie de Vetusta Morla soará na cidade o día 29, para dar paso a Aló Djangó o 30. Os fogos de artificio e un festival de rondallas, que o Concello recupera tras anos no esquecemento, porán o punto e final ás Festas de Verán.
Ao marxe destas, Beatriz Sestayo avanzou que se están a pechar algunhas actuacións a maiores, así como que a Feira Medieval se celebrará a principios do mes de agosto e que o Día da Xuventude e o Día da Solidariedade serán dúas datas para as que o Concello disporá programación propia.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol