Galiciencia 2009 ábrese a proxectos innovadores de estudantes de toda España
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra anualmente en Galicia, vén de abrir o prazo de recepción de proxectos para a súa edición deste ano, que terá lugar no mes de novembro en Ourense e que prevé contar coa participación de equipos de estudantes de Secundaria de toda España.O obxectivo principal desta iniciativa, que Tecnópole organiza desde hai catro anos co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas da ESO e de Bacharelato con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que Parque Tecnolóxico de Galicia pon á súa disposición durante tres días coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia.
Ademais de facilitar o desprazamento e a estancia dos estudantes en Ourense e montar a infraestrutura da feira, Tecnópole organiza actividades paralelas para o público e para os propios expositores. Este ano, ademais da presenza xa habitual do divulgador Adolf Cortel, coas súas conferencias de ciencia divertida, haberá obradoiros relacionados coa celebración a nivel europeo do Ano Darwin, do Ano Internacional da Astronomía e do Ano da Creatividade e da Innovación.
En relación a este último, ‘Galiciencia’ contará cunha sección especial que estará ocupada polos proxectos resultantes do programa ‘TIC-TAC! Talentos da Innovación e da Creatividade’, unha iniciativa na que a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA) e Tecnópole colaboran para poñer en contacto a alumnos galegos de Secundaria coa experiencia do emprendemento innovador e que lles axudará a deseñar o seu propio plan de negocio con base nas súas ideas e inventos.
Bases na web
As bases de participación na ‘Galiciencia 2009’, dispoñibles na web de Tecnópole (www.tecnopole.es), contemplan un prazo de recepción de proxectos aberto ata o 25 de outubro deste ano. O requisito fundamental é formar un equipo no que participen varios alumnos e un profesor e contar a idea en tres folios, xa sexan proxectos experimentais e tecnolóxicos ou traballos documentais.
A intención dos promotores da feira é seguir aumentando, como veu ocorrendo nas edicións anteriores, o número de visitantes, que en 2008 superou os 2700, entre escolares en viaxes organizadas desde centros de toda Galicia e o público que acudiu por libre.
Os cen estudantes de Secundaria que participaron como expositores na anterior edición defenderon un total 34 proxectos orientados a propoñer solucións para necesidades moi presentes na vida cotiá.
Os proxectos expostos na ‘Galiciencia’ serán sometidos á votación dos visitantes e dun xurado formado por emprendedores da Tecnópole, que elixirán os mellores para outorgarlles o primeiro e o segundo premio da feira. O proxecto gañador en 2008 consistía nun bioedificio, capaz de autoabastecerse a través das enerxías renovables. O segundo galardón recaeu nun sistema de obtención de enerxía eléctrica a partir do movemento dun ascensor.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia


