Skip to main content

Máis de 1.000 persoas nas degustacións de productos galegos no Fórum

Máis de 1.000 persoas desfrutaron das degustacións de produtos galegos que ofreceu o stand da Xunta de Galicia no Fórum Gastronómico de Santiago 2010, que pecha as súas portas. As 25 catas organizadas polas Consellerías do Mar e Medio Rural ao longo destes catro días foron un éxito e encheron a aula, con capacidade para 40 persoas.

Ambas Consellerías ofreceron un completo abano de posibilidades e combinacións de produtos do mar, da acuicultura e da agricultura de Galicia, co obxectivo de impulsar e promocionar o seu consumo. Seis diferentes catas e degustacións pechan hoxe o programa de promoción dos produtos galegos de calidade desenvolvido pola Xunta (a través das consellerías do Mar e do Medio Rural) no marco do Forum Gastronómico de Santiago.

Así, os queixos, os froitos do mar de Pescaldía e Lonxanet, os cogomelos de “Setas Silvestris”, carnes como a tenreira e o lacón, as novas presentacións dos produtos do mar e a terra, os viños da Terra e das denominacións de orixe Valdeorras e Monterrei, xunto cos caldos premiados na XXI Cata dos viños de Galicia conforman a oferta culinaria desta última xornada do congreso enogastrónomico no stand institucional da nosa Comunidade.

Con estas son 25 as diferentes combinacións ofrecidas dende o pasado domingo a base de produtos da pesca, da acuicultura e do agro galego. Ademais, no stand da Xunta houbo conferencias, sesións de cociña en directo e presentacións, entre as que salientou a da nova Indicación Xeográfica Protexida “Tarta de Santiago”, presidida polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e que contou co apoio de destacados cociñeiros galegos e doutros lugares, entre eles o propio Ferrán Adriá, considerado o chef número un do mundo.

Consumo de peixe

A Consellería do Mar aproveitou a celebración do Forum para promover o consumo de peixe e marisco de Galicia. A propia titular do Departamento, Rosa Quintana, estivo presente no acto inaugural do congreso e definiu este evento coma “unha achega de valor engadido e de recoñecemento aos nosos produtos do mar”. Ademais, recalcou que o Forum contribúe a estimular a comercialización e a transformación, favorecendo o aproveitamento alimentario do mundo do mar.

Visita dos GACs

Por outra banda, os xerentes dos sete Grupos de Acción Costeira (GAC) visitaron hoxe o Fórum Gastronomico, invitados pola Consellería do Mar, que considera a Feira un exemplo de cómo a pesca artesanal é capaz de chagar aos chefs máis refutados do mundo. Neste sentido, unha das liñas de traballo dos GACs é por en valor os produtos da pesca artesanal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia