Skip to main content

Mar apoia o futuro da acuicultura galega participando en ACUI 2010

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, amosou o seu “firme e decidido” apoio á Feira Internacional de Acuicultura ACUI 2010, que abre as súas portas. Durante o acto de inauguración, Rosa Quintana, cualificou o evento “coma unha aula na que ensinar e aprender, na que recoller experiencias doutras zonas do mundo” e o definiu coma unha feira “que vén a plasmar a potencialidade da acuicultura galega, tanto a mariña como a continental”.

Na súa intervención, a titular de Mar incidiu en que o obxectivo da Xunta é continuar impulsando o liderado de Galicia a nivel mundial e europeo a través dunha acuicultura, sostible e respectuosa co medio ambiente. A conselleira fixo fincapé da importancia de “xuntar, baixo o mesmo teito, ás institucións e ao sector, aos encargados de dar impulso económico, aos que potencian a innovación e aos que achegan o saber facer previo”, xa que, segundo dixo, “hai que unirse nunha aposta polo futuro”.

Neste sentido, Quintana destacou “a recuperación do diálogo en plano de igualdade co sector” como o principal paso do seu departamento a prol da acuicultura nestes 10 meses. A conselleira recalcou que o seu equipo quere “estar a carón do sector, escoitalo e informalo, e sobre todo, fuxir da imposición xa que temos unha aposta común, que se basea na necesidade e no desexo de que Galicia volva a ser referente en acuicultura”. “Debemos facer valer a nosa potencialidade, facer uso e sacar proveito da nosa valía e experiencia, e non temer e quedar parados na dura pugna ante a competencia mundial”, aseverou.

Ao respecto, lembrou as iniciativas que o seu departamento está a tomar “a prol de Galicia e do seu dinamismo acuícola no futuro”, como a reformulación do Plan de Acuicultura, os investimentos e fondos recollidos nos orzamentos da Xunta e o recentemente anunciado Plan de Ordenación dos Cultivos Mariños.


Gabinete de Comunicación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia