Skip to main content

Máis dun centenar de empresas agroalimentarias galegas, en Alimentaria 2010

Os conselleiros do Medio Rural, Samuel Juárez, e de Mar, Rosa Quintana, asistiron á inauguración da Feira Alimentaria 2010, celebrada na Fira de Barcelona, acompañados pola directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon, e mailo director xeral de Competitividade e Innovación, Juan Maneiro. Os Príncipes de Asturias e a ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, foron os encargados de dar comezo a esta feira internacional que permanecerá aberta ata o vindeiro venres, 26 de marzo.

A Consellería do Medio Rural e maila de Mar quixeron estar presentes nun certame de tal calibre, apoiando ás máis de 50 empresas galegas que ofrecen produtos do sector do viño, do leite e da carne e ás preto de 40 ligadas ao sector mariño. Samuel Juárez percorreu os tres pavillóns onde as empresas galegas están a mostrar os seus produtos. Pola súa banda, Rosa Quintana, visitou as empresas galegas de acuicultura, pesca e produtos transformados do mar.

Primeira xornada

Unha visita por Intercarn abriu a feira, onde Ternera Gallega ten unha presenza importante, e onde o titular de Medio Rural non dubidou en intercambiar verbas cos empresarios e apoiar, deste xeito, a calidade e o recoñecemento dos produtos galegos de calidade.

Tras un cóctel inaugural ao cargo dos Príncipes de Asturias, os representantes da Xunta de Galicia fixeron un percorrido conxunto polo pavillón Intervin, onde a presenza das denominacións de orixe marcou este tramo. Ademais das D.O. Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, os Augardentes de Galicia deleitaron aos asistentes coa mostra de diversos orujos.

Ambos conselleiros amosaron o seu apoio ás empresas galegas visitando tamén as 33 empresas coexpositoras no stand de produtos do mar da Xunta de Galicia. Así, Rosa Quintana e Samuel Juárez, tiveron ocasión de falar cos representantes destas empresas, que lles amosaron a calidade da materia prima do mar galego tanto ao natural coma en conserva ou procesada.

Juárez salientou a importancia de estar presentes en Alimentaria como xeito de busca de “novos nichos de mercado nos que as empresas galegas poidan colocar as súas mercancías”. Rosa Quintana, pola súa banda, salientou que “nada mellor que Alimentaria porque é o mellor escaparate internacional para amosar aos demais en que somos pioneiros ao tempo que aprendemos do que fan os demais”.

Ambos conselleiros asinarán no Libro de Honra da FIRA e asistirán ao Consello Consultivo de Agricultura e Pesca, no que se abordarán temas de actualidade que afectan aos sectores rural e mariño.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia